
O mandatario galego, Alberto Núñez Feijóo, reunirase o luns 15 de xuño co presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, con quen abordará os asuntos prioritarios para a comunidade galega. Segundo confirmou o titular da Xunta na rolda de prensa posterior ao Consello, o financiamento autonómico, as infraestruturas, o sector primario, a Lei de Dependencia e o voto en urna para os residentes ausentes centrarán a xuntanza do vindeiro luns no Palacio da Moncloa.
A suficiencia dinámica do sistema de financiamento é clave, para nós, para os gobernos seguintes e sobre todo para o pobo de Galicia dos próximos 10-15 anos, aseverou Alberto Núñez Feijóo, sinalando que o financiamento autonómico será prioritario na axenda do vindeiro luns.
Tamén é clave a competitividade da nosa economía, engadiu, lembrando que esta pasa polas infraestruturas e que tanto as autovías como o tren de alta velocidade serán, polo tanto, temas destacados que serán abordados no encontro co presidente do Goberno. As infraestruturas, o tren de alta velocidade, os prazos, as datas, a comisión de seguimento de infraestruturas e de autovías é clave dentro da axenda do presidente do Goberno, engadiu, sinalando que tamén formará parte da axenda da xuntanza que manterá proximamente co ministro de Fomento.
Outro dos asuntos que se tratarán na reunión do luns será o mantemento do sector primario, xa que o sector primario está nunha profunda crise e o sector lácteo ten que formar parte dun capítulo especial, dixo Feijóo.
O presidente galego considerou, ademais, importante para Galicia o desenvolvemento da Lei de dependencia A este respecto, Feijóo argumentou que a nosa comunidade ten unha porcentaxe de poboación de máis de 65 anos superior á media española e que por iso hai que coidar especialmente as prestacións por dependencia, unha materia na que espera conseguir o compromiso do presidente español.
Por último subliñou que é clave rematar co anacronismo democrático do voto en sacas de correo procedentes de países hispanoamericanos e necesario instaurar o voto en urna, para que todos os emigrantes poidan votar con garantías, un asunto que tamén cobrará especial relevancia na xuntanza co máximo mandatario español.
Esas cinco cuestións, xunto con outras, relativas a transferencias ou relativas a conflitos no constitucional ou relativas a outros sectores formarán parte loxicamente da axenda da xuntanza co presidente do goberno o próximo luns, concluíu Feijóo ao respecto amosando a súa confianza de que a esta lle seguirán xuntanzas específicas cos ministros con competencias na materia.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.