A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, reuniuse coa directiva da Fundación Laboral da Construción nunha primeira toma de contacto con este organismo. O encontro serviu para por sobre a mesa os proxectos e actividades que desenvolve esta entidade e para analizar as distintas posibilidades de colaboración.
Esta fundación, formada polas catro asociacións provinciais da construción e por representantes dos sindicatos CCOO e UGT, asinantes do convenio da construción, é un dos principais interlocutores entre a Administración e este sector económico. De aí que o encontro servise para estudar as potenciais canles de colaboración en materias como a formación ocupacional e a cualificación dos traballadores deste colectivo.
Así mesmo, analizáronse as distintas propostas para colaborar la implantación da tarxeta profesional da construción, un instrumento creado ao amparo do convenio do sector e que pretende servir de carta de presentación dos profesionais desta actividade, dado que nese carné están recollidos datos como a formación e experiencia laboral, o que pode facilitar e axilizar a integración no sector.
Tamén se plantexaron fórmulas de cooperación co Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), co fin de acadar mellores resultados na prevención de riscos laborais nun sector tan importante como o da construción.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.