Notas de prensa

Cultura destina 245.000 euros ás Feiras do Libro de Galicia deste ano

A Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura anunciou aos libreiros a inminente aprobación polo Consello da Xunta do Rexistro Administrativo de Librarías de Galicia que regulará de forma telemática a súa organización e funcionamento.

A Consellería de Cultura e Turismo, a través da súa Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura, investirá un total de 245.711 euros para facer viable este ano a realización do calendario de Feiras do Libro de Galicia. Na reunión mantida en San Caetano con representantes da Federación de Libreiros de Galicia, o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López Rodríguez, comunicou a súa intención de “consolidar a colaboración cun sector esencial para o fomento da lectura e, neste eido, as feiras do libro xogan un papel fundamental para achegarnos aos futuros lectores e para facilitar o contacto entre os escritores e o seu público”.

Nesta liña de apoio institucional, a Consellería de Cultura e Turismo quere recoñecer o valor das actividades dos libreiros como “unha das vías de expresión cultural mellor consolidadas en Galicia”. Segundo Francisco López Rodríguez, “o seu labor xoga una papel decisivo tanto no que se refire á promoción da produción propia dos autores galegos coma ao seu labor para permitir o acceso á lectura dun xeito inmediato en todos os núcleos de poboación, en resposta á dispersión demográfica da nosa comunidade”.

Coa aportación orzamentaria prevista garántese a viabilidade do programa das 13 Feiras do Libro de Galicia aprobadas este ano e contemplará todos os aspectos técnicos e materiais necesarios para a realización dos eventos, desde a montaxe das carpas ata a súa iluminación, sonorización ou aspectos relacionados coa publicidade e a seguridade.

Despois das xa realizadas en Santiago de Compostela, Ferrol e Lugo, o calendario de Feiras que se desenvolverá este ano será o seguinte: Ourense, do 31 de maio ao 7 de xuño; Lalín, do 11 ao 14 de xuño; Vigo, do 10 ao 19 de xullo; Cangas, do 22 ao 26 de xullo; A Coruña, do 1 ao 10 de agosto; Viveiro, do 13 ao 16 de agosto; Santa Comba, do 13 ao 16 de agosto; Foz, do 20 ao 23 de agosto; Monforte de Lemos, do 27 ao 30 de agosto e Ribadeo, do 5 ao 8 de setembro.

Rexistro telemático

Por outra banda, a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura anunciou ao sector libreiro a inmediata aprobación polo Consello da Xunta do decreto polo que se creará o Rexistro Adiministrativo de Librarías de Galicia. Será un rexistro público e único con carácter obrigatorio para os efectos administrativos e, asemade, será condición necesaria para que as librarías poidan acceder ás axudas e subvencións que a Consellería de Cultura e Turismo aprobe en materia de cultura.

Co Rexistro Administrativo de Librarías trátase de ordenar e actualizar de forma telemática o rexistro vixente dende 1986, desfasado e pouco operativo. A Consellería facilitará aos interesados o acceso ao contido do rexistro para que funcione como un medio de consulta áxil e eficaz.

Bibliotecas

A Consellería de Cultura e Turismo confirmou asemade que manterá a súa colaboración co sector libreiro na liña xa establecida de adquisición de exemplares a través da Rede de Bibliotecas de Galicia.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, 2009-06-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) Foron presentados os novos equipamentos do Centro de Supercomputación de Galicia) instalación que vai incorporar un segundo computador cuántico, denominado IQM Spark. O novo supercomputador e os dous novos computadores cuánticos que se van adquirir situarán a nosa Comunidade na vangarda europea en canto a capacidade de almacenamento de datos e participación en grandes proxectos internacionais. En canto aos computadores cuánticos, o de menor capacidade (5 cúbits), dedicarase exclusivamente a tarefas de formación, probas de concepto e de algoritmia, complementando así ao de maior capacidade (54 cúbits), que será o buque insignia.
Foto de la tercera plana (autopista-ap9.jpg) A Xunta exixe o rescate da AP-9 e asina cos Gobernos de Asturias e Castela e León e o tecido empresarial das tres comunidades a Declaración Compostela, que insta á Comisión Europea a culminar o ditame sobre as prórrogas da AP-9 e AP-66. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, interveu no encontro 'As infraestruturas viarias do Noroeste', organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia.

Notas

O próximo 12 de agosto a Península Ibérica vivirá un dos eventos astronómicos máis importantes do século: unha eclipse total de Sol. Pola súa posición xeográfica, a súa climatoloxía e a súa contorna histórica-monumental, a cidade de Lugo foi sinalada como un dos mellores destinos de toda Europa para contemplar este fenómeno na súa máxima plenitude.
A VIII edición do congreso da Sociedad de Estudios de Cerámica Antigua en Hispania (SECAH) está estes días celebrándose no campus de Ourense, cunha visita tamén a Lugo. A cita reúne a 80 especialistas de España e Portugal e conta cun programa formado por 50 relatorios e 35 pósters nos que se abordan as últimas novidades e proxectos neste eido de investigación.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES