O Igape, organismo dependente da Consellería de Economía e Industria, vén de promover unha ampliación de 14,8 millóns de euros para o Fondo Emprende, xestionado por Xesgalicia, para facer fronte a novos compromisos de investimento que agora mesmo están en estudo.
Esta cantidade súmase aos 41,4 millóns de euros cos que xa contaba esta iniciativa. Á achega do Igape, que ascende a 11 millóns de euros, e que foi aprobada no último consello de dirección do Instituto, súmanse as aportacións realizadas polas caixas de aforro galegas que participan no Fondo Emprende.
O Fondo Emprende orienta a súa acción a investir en proxectos empresariais promovidos por novos emprendedores, a sociedades de nova creación con posibilidades de desenvolvemento, e a aquelas outras que acometan actividades novidosas e apliquen as novas tecnoloxías.
O Fondo Emprende está especialmente dirixido a proxectos innovadores, que permitan mellorar a competitividade empresarial, ben da man de avances na distribución, nas estruturas organizativas ou coa mestura da tecnoloxía e a mercadotecnia.
Esta nova liña de axudas que parte dende a Consellería de Economía e Industria vai encamiñada a cumprir un dos compromisos adquiridos polo conselleiro, Javier Guerra Fernández, quen destacou en máis dunha ocasión a vontade do seu departamento de apoiar e financiar boas ideas e bos equipos e non unicamente ás grandes empresas do tecido industrial galego.
A achega aprobada polo Igape é unha mensaxe clara de apoio dirixida aos novos emprendedores para que desenvolvan e consoliden os seus proxectos nun contexto de crise económica ao amparo das axudas da Xunta de Galicia, e apostando dunha forma decidida pola innovación e as novas tecnoloxías.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.