
A Conselleira do Mar, Rosa Quintana mantivo un encontro cos representantes dos sindicato do mar para escoitar as súas principais preocupacións. Rosa Quintana mostroulles a súa vontade de diálogo e ofreceulles a súa disposición para traballar xuntos, como un só para mellorar o futuro do sector e recoñeceu que haberá discrepancias no camiño pero todos temos a mesma meta.
Nesta primeira toma de contacto, os líderes sindicais salientaron a necesidade da reforma da política pesqueira común, xa que afecta a toda a flota galega especialmente á baixura. O departamento que dirixe Rosa Quintana contempla a posibilidade de organizar unhas xornadas na que participarían os tres sindicatos para poder chegar a Europa cunha postura conxunta e única da política pesqueira común.
Para os sindicatos o furtivismo segue a ser o maior problema no mar. Rafael Mesura, de UXT, pediu mais control da pesca deportiva e submarina para erradica-lo problema e Ramiro Otero de CC.OO, dixo que os mariscadores teñen que perder o medo e denunciar para atacar dende Administración.
O secretario nacional do sector marítimo de UGT, Rafael Mesura recalcou a necesidade dun convenio colectivo, unha reivindicación de hai moito tempo e non hai ningún convenio en vigor e reclamou unha revisión do plan de formación dos profesionais, en concreto a titulación de mariñeiro-pescador.
A conselleira anuncioulles que neste mes remitiranse as modificacións da Lei de Pesca ó Consello Galego de Pesca, órgano que retomará o funcionamento. Tamén se reactivará un comité científico que permita unha mellora xestión e conservación de recursos mariños.
Tanto Ramiro Otero (CC.OO.) como Rafael Mesura (UXT) mostraron o seu apoio á conselleira e tendéronlle as mans para traballar conxuntamente.
Á reunión estaba convocado o representante de CIG-Mar Xabier Aboy, pero non puido acudir. Rosa Quintana fíxolle chegar o contido da reunión e espera poder reunirse con el noutro momento.
Respecto a preocupación sobre o Servizo de Gardacostas, Rosa Quintana matizou que é máis eficiente que as tripulación estean permanentemente na base ás 24 horas os 365 días do ano que a compra dunha terceira aeronave.
Así, este servizo permitirá dar mellor resposta na Costa da Morte que o novo helicóptero xa que asegurarase un tempo de resposta nesa zona duns 30 minutos, o mesmo tempo que tardaría un helicóptero con base en Cee cunha tripulación con 20 horas de garda localizable.
Rosa Quintana recordou que con esta medida, que se aplicará a partires de xullo en Vigo, para logo estenderse a Celeiro, buscamos mellorar a eficacia e a eficiencia á hora de salvar vidas e para iso hai que actuar mais rápido en caso de alarma.
A conselleira recordou que o helicóptero non entraría en funcionamento ata o 2011 e sinalou que o seu departamento sempre apoiará todas as medidas para garantir a seguridade no mar, de modo que se, co paso do tempo Salvamento Marítimo do Estado, entende que temos que facer un esforzo a maiores para colocar unha nova aeronave, se estudará, pero o primeiro é optimizar os servizos dos que dispoñemos hoxe en día.
Ramiro Otero (CC.OO.) recoñeceu a necesidade de ter atención 24 horas ó dia e capacidade de resposta inmediata, po-lo que estudarán e analizarán a nova medida da Xunta.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.