
Teño fe nas posibilidades que atesoura Galicia, afirmou o presidente do goberno galego, Alberto Núñez Feijóo. Para o mandatario autonómico, a Xunta de Galicia está mostrando unha acción de goberno áxil, adaptada á realidade, consensuada cos actores económicos e sociais e que dá respostas efectivas en momentos de crise e de dificultade. O traballo desempeñado polo novo Executivo autonómico, nestas primeiras semanas estivo centrado, segundo as súas mesmas palabras, en catro eixes: austeridade, transparencia, axilidade e eficacia.
Na súa intervención, o presidente galego resaltou que o Goberno, todo o Goberno, estase volcando en xestionar de forma eficiente os recursos públicos, traballando na busca da mellora do noso benestar económico e social. Feijóo sinalou a gravidade de actual conxuntura económica e avanzou que nas vindeiras semanas presentará un plan de choque que incluirá unha serie de medidas prioritarias centradas na economía, pero tamén nas necesidades sociais dos que máis están acusando esta crise.
Trátase, explicou, dun plan coordinado entre as diferentes consellerías que terá como obxectivo fomentar o emprego, atender as necesidades sociais dos cidadáns, impulsar o tecido produtivo da nosa Comunidade e dotar de confianza as estruturas económicas e financeiras de Galicia.
Austeridade e transparencia
Feijóo presentou as súas prioridades á fronte do Goberno galego no Foro de la Nueva Economía en Madrid, onde puxo en valor a súa aposta pola austeridade, que o levou a reducir o número de consellerías (de 13 a 10), o número de altos cargos (nun 46%), a racionalizar a administración periférica (pasando de 52 a 5 delegados provinciais) e recortando nun 26% o persoal de gabinete. Este compromiso coa austeridade, expuxo, suporá un aforro de 30 millóns de euros ao longo da lexislatura, e estará presente en cada unha das decisións que tomaremos, afirmou.
O presidente destacou así mesmo que o Goberno galego adoptou como máxima a tranparencia, polo que está a presentarlles aos galegos a verdade en relación co estado das arcas públicas, sobre a xestión dos seu diñeiro nestes anos e sobre as causas que e explican a situación actual de Galicia.
Nese sentido, Feijóo lamentou que o anterior goberno autonómico non aproveitase a bonanza económica dos últimos anos para tomar decisións estruturais que garantisen a solidez da economía galega. En lugar diso, afirmou que cando se puxo á fronte da Xunta, o actual Executivo topou cunha desviación de 1.200 millóns de euros, froito dunha acción irresponsable do goberno bipartito, e que puxeron en serio risco a nosa capacidade de acción.
O presidente da Xunta indicou que a axilidade tampouco guiou a acción do anterior goberno ante a crise, mentres que o actual a adoptou como principio de actuación. Como mostra, apuntou que o Goberno xa aprobou o adianto de 70 millóns de euros das axudas da PAC ao sector lácteo e activou, cun orzamento de 6 millóns de euros, o plan re-Móvete de axudas de ata 1.500 millóns de euros á compra de vehículos, un esforzo que é tres veces superior ao do Goberno central. Sobre estas medidas, o presidente subliñou que teñen como denominador común que foron consensuadas previamente cos sectores afectados.
O Xacobeo, activado nun mes
Feijóo, quen se referiu á capacidade de xestión e reacción demostrada pola Consellería de Sandidade ante a nova gripe, así como á anunciada redución do 50% dos impostos de actos de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, fixo especial fincapé nos pasos dados polo Goberno galego de cara á preparación do Xacobeo 2010. Nese sentido sinalou que cando chegou o actual Executivo nada estaba feito a 8 meses do seu inicio, tal e como advertiron e lamentaron concellos, Igrexa e sector cultural.
Fronte a isto, o presidente da Xunta presentou a axilidade do Goberno galego, que, en a penas un mes, completou o equipo, buscou a complicidade da Casa Real, levou un informe ao Consello da Xunta e instou a tramitación de exencións fiscais para as empresas patrocinadoras. Asegurou que Galicia agarda recibir 10 millóns de visitantes o ano que ven, e convidou a participar dun Xacobeo que será histórico, austero, cultural e espiritual e que debe funcionar ademais como un revulsivo para a economía.
Galeguismo cordial
Alberto Núñez Feijóo mostrouse contrario aos que pretenden establecer unha financiación autonómica que premie as comunidades coas rendas máis altas, dando así a entender que a situación duns e outros territorios é consecuencia da súa laboriosidade ou espírito emprendedor, o que supón separar entre nacionalidades ou rexións formigas e outras que terían feito de cigarras.
Fronte a isto, o presidente da Xunta defendeu unha España integrada e equilibrada, na que situou o galeguismo cordial maioritario na sociedade galega. Existe, remarcou, un galeguismo natural, amable, respectuoso, que se abre ao exterior e ao futuro, e sinalou que a tarefa do Goberno é recuperar ese valor que se dilapidou nestes anos por culpa de políticas pensadas por minorías e destinadas a compracer a minorías.
Así mesmo, Feijóo reivindicou o bilingüismo harmónico e avogou por facer das linguas uns instrumentos de convivencia na rúa, no traballao e na escola, algo que reclamaron a maioría dos galegos nas urnas.
Galicia vén de pechar o mes de xullo máis cálido desde 1961, ano a partir do que se dispón na Comunidade de rexistros climatolóxicos. Esta é a principal conclusión do informe mensual elaborado por MeteoGalicia e que presentou esta mañá en Santiago a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría. Tal e como explicou, o valor medio da temperatura máxima se situou en 29 graos, cunha anomalía positiva de 3,5 graos en comparación cos rexistros das estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade. Ademais, no caso da temperatura media o dato situouse en 22,5 graos, 2,8 graos por riba do valor normal climatolóxico para este mes.
O Diario Oficial de Galicia publicou a orde pola que se actualiza a relación de deportistas de alto nivel, alto rendemento, rendemento deportivo de base e vitalicias, así como persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel. Esta actualización súmase ás realizadas en xuño e establece un novo récord de persoas recoñecidas, que ascenden a 1.941, das que 835 son mulleres (43%) e 1.106 homes (57%). Arredor do 76 % das persoas -1.466- son deportistas galegos de alto nivel (623 mulleres e 843 homes). Ademais, figuran 201 deportistas de alto rendemento (101 mulleres e 100 homes), 183 deportistas de rendemento deportivo de base (86 mulleres e 97 homes), 47 persoas técnicas de alto nivel (catro mulleres e 43 homes), 29 persoas árbitras e xuízas (16 mulleres e 13 homes) e 15 deportistas galegos de alto nivel vitalicios.