
A Súa Maxestade o Rei de España expresou a súa intención de presidir os actos conmemorativos do 25 de xullo con motivo da celebración do Ano Santo compostelán. Así llo transmitiu a Súa Maxestade ao máximo mandatario galego, Alberto Núñez Feijóo, tras visitar hoxe, por primeira vez desde a súa apertura no ano 2002, a residencia oficial de Monte Pío.
O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, quen quixo que a Súa Maxestade fose a primeira persoa nesta lexislatura en realizar unha visita oficial á súa residencia, tivo a oportunidade de explicarlle a situación do Xacobeo 2010, logo de que o monarca trasladase todo o seu apoio a esta iniciativa na primeira xuntanza que ambos mantiveron na Zarzuela o pasado 29 de abril.
Deste xeito, Alberto Núñez Feijóo falou á Súa Maxestade do Plan de actuación do Xacobeo 2010, aprobado a pasada semana no Consello da Xunta que recolle a programación de actividades para a celebración do Ano Santo. O máximo mandatario autonómico explicoulle ao monarca que a Xunta busca, con esta programación, tres obxectivos fundamentais: promover a comunidade autónoma e darlle unha dimensión internacional a Galicia; facer e tentar conseguir un revulsivo real á economía galega; e recuperar e conservar o patrimonio cultural, medioambiental e o patrimonio paisaxístico de Galicia.
[FOTO 2]Na mesma liña insistiu en que o Goberno que preside pretende que o 2010 sexa un Xacobeo austero, moderno, tecnolóxico e espiritual. Queremos que este Xacobeo sexa único para Galicia e para cada un dos que se acheguen a Galicia e participen nel, afirmou o presidente galego, explicándolle á Súa Maxestade que a programación cultural do vindeiro ano chegará a todos os puntos de Galicia para que todas as localidades poidan participar nesta apertura internacional que supón o Xacobeo. Destacou, ademais, a aposta polas novas tecnoloxías como ferramenta de promoción inédita para atraer visitantes e peregrinos e adiantoulle ao monarca que xa houbo contactos con Google para que este operador ofreza a posibilidade de percorrer virtualmente o Camiño de Santiago.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.