A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, anunciou que se irá perfilando o novo plan de emprego xuvenil que contemplará un plan de conciliación da vida estudiantil e laboral, así como mecanismos de discriminación que impulsen a contratación de mozos e mozas menores de 30 anos.
Estes tempos difíciles están afectando negativamente ao mundo laboral, indicou Mato, á vez que lembrou que, en Galicia, xa hai 210.000 desempregados, cifra que sitúa o paro como o problema de maior relevancia co que se enfronta a sociedade galega. A conselleira fixo estas declaracións no acto de gradación da XII promoción da Escola Universitaria de Relacións Laborais da Universidade da Coruña.
Mato animou á nova promoción na súa andaina laboral e transmitiulles que a Consellería de Traballo é moi consciente de que hai que ofrecer unha resposta real e práctica a un dos problemas cos que se atopa a mocidade ao rematar os seus estudos; atopar un emprego estable e digno, por iso o primordial é impulsar medidas que lles permitan atopar, desenvolver e manter o seu primeiro emprego.
A titular de Traballo tamén fixo fincapé en promover a creación de emprego como a mellor política social para a xuventude galega, sendo a única que garante a estabilidade social e a viabilidade do noso sistema de benestar. Unha política social que cobra especial relevancia con cifras como o aumento interanual, desde abril de 2008, de 15.158 parados máis entre os menores 30 anos e a redución en 50.000 afiliados á Seguridade Social, nesta mesma franxa de idade, desde 2005 e ata marzo de 2009.
A conselleira, Beatriz Mato engadiu que o Goberno Autonómico da Xunta está tratando de volver a unha senda de crecemento económico e de creación de emprego co compromiso de impulsar políticas activas, moi especialmente para o colectivo xuvenil, un dos máis afectados polo desemprego.
A conselleira tamén quixo subliñar a importancia das relacións laborais no mundo actual e a súa constante evolución, unhas relacións laborais que deben ser máis modernas e menos conflitivas, porque non é o momento das discrepancias, apelou.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.