O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, amosou o seu respecto polo traballo do valedor do pobo e comprometeuse a responder en tempo e forma as súas queixas e recomendacións. Creo que esa conciencia crítica do valedor debe seguir, porque o valedor debe ser a conciencia crítica do pobo, asegurou o máximo mandatario galego tras recibir a Benigno López no Pazo de Raxoi.
Quero comprometerme co valedor tendo en conta unha cousa, que non se pode nunca matar ao mensaxeiro afirmou Feijóo-. Non se pode confundir o que trae a mensaxe co problema que conleva esa mensaxe. Nesta liña, o presidente galego agradeceu a dispoñibilidade de López de colaborar co Goberno da Xunta e salientou que a capacidade de diálogo amosada polo valedor do pobo será mutua e bilateral.
O valedor debe trasladar a Xunta os problemas que percibe na sociedade para que o Goberno galego, cos instrumentos de dereito, económicos e financeiros dos que dispón, poida dar unha resposta e priorizar as necesidades que se presentan a través do valedor, asegurou Feijóo, quen afirmou que así se fará no caso da reforma do decreto do galego. Estudaremos todas as recomendacións do valedor que fagan fincapé nun bilingüismo harmónico. Será unha das liñas de actuación que vamos empregar para facer a proposta de consenso que imos presentar a sociedade galega, explicou.
O máximo mandatario galego salientou, por último, o feito simbólico de que a recepción oficial ao valedor se teña feito nos primeiros 30 días do novo Goberno e comprometeu o apoio e a participación da Xunta nas celebracións polo 25 aniversario da creación desta institución, que se conmemorará o vindeiro mes de xuño. O pobo de Galicia ten una figura que o representa, a do valedor. Por iso entendíamos que recibindo ao valedor estábamos recibindo a representación de todos os galegos e galegas, concluíu o presidente da Xunta.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.