
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, transmitiulle hoxe a Don Juan Carlos o afecto e lealdade do pobo galego e pediulle a súa colaboración de cara a celebración do Ano Santo 2010.
Ao termo do encontro no Palacio da Zarzuela con Don Juan Carlos, Feijóo asegurou que a Súa Maxestade amosou a súa dispoñibilidade para estar presente nos actos do vindeiro Xacobeo despois de que o presidente galego lle demandara o seu apoio para esta cita.
Ademais, Feijóo tamén lle transmitiu a Don Juan Carlos a admiración dos galegos á Coroa, e especialmente a Súa Maxestade. Os galegos apreciamos o papel da Coroa como símbolo da unidade de todos os españois. Esa España unida, diversa e solidaria coa que coincidimos, destacou Feijóo.
Nas súas declaracións, o máximo mandatario galego dixo que visitou ao Rei como un galego que gañou as pasadas eleccións nun exercicio de normalidade democrática que supuxo a alternancia de goberno.
Finalmente, destacou a cultura de tolerancia que os galegos teñen demostrado por todo o mundo e garantizou que este carácter aberto e de respecto será a principal fonte de inspiración do seu Goberno.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.