
A condición de Galicia como referente no sector dos produtos do mar verase reflectida ata o día 30 de abril no prestixioso certame European Seafood Exposition que se celebrará no recinto feiral do Parc des Expositions de Bruxelas a carón do emblemático monumento Atomium.
No edificio 7 do recinto feiral localizarase o espazo dedicado á Xunta de Galicia, unha área de 1500 m2 de superficie que servirán de escaparate para 42 empresas galegas, convidadas como coexpositoras pola Administración galega. Así, da importancia do sector en Galicia darán conta 16 comercializadores de peixe ou marisco fresco, 30 do sector dos conxelados e 8 conserveiras. Entre elas nomes de recoñecida solvencia e traxectoria como Bateamar, Gropesca, Galician Mussels, Pescadona, Fesba ou Interatlantic. A nosa comunidade consolídase como a máis representativa por número de empresas e superficie expositiva de todo o pavillón de España, situado ao lado, entre outros, dos de Perú, Portugal, Tailandia, Chile ou Italia.
O pavillón que conforma a Consellería do Mar da Xunta de Galicia acolle distintas áreas, entre as que se poden citar as de información xeral, restauración e degustación e a institucional. Entre a representación galega figurará a Autoridade Portuaria de Vigo e Abonomar, unha curiosa empresa que fabrica complementos cálcicos usados como ingredientes alimentarios a partir da cuncha triturada de moluscos. Ademais, dentro das asociacións sectoriais estarán na capital europea Anfaco, do sector conserveiro, a Federación Galega de Confrarías e Conxemex, Consello Regulador do Mexillón de Galicia.
Para o día 29 está programada a presenza na exposición da nova conselleira do Mar, Rosa Quintana Carballo, así como o director xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, que terán a oportunidade de manteren reunións a alto nivel con representantes doutras comunidades autónomas españolas, da Comisión Europea e doutros países do noso contorno e do resto do mundo.
Coa presenza galega no European Seafood Exposition referéndase o encomiable esforzo mantido ao longo dos anos polo Goberno galego por seguir dotando de proxección e competitividade internacional a un sector crucial dentro da economía da nosa comunidade autónoma e do conxunto do Estado. Deste enorme potencial dá boa conta o feito de que Galicia estivese presente activamente neste certame xa desde a súa primeira edición, no que foi aumentando progresivamente a súa presenza e relevancia.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.