Notas de prensa

O Rei Juan Carlos recibe a Núñez Feijóo o 29 de abril no Palacio da Zarzuela

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, será recibido en audiencia polo Rei Juan Carlos no Palacio da Zarzuela. É o primeiro encontro do líder do PPdeG trala toma de posesión como titular do Executivo galego o pasado 18 de abril con varios actos en Compostela.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, será recibido en audiencia pola Súa Maxestade El-Rey, Don Juan Carlos, o mércores, 29 de abril. O encontro terá lugar ás 17,00 horas no Palacio da Zarzuela, a residencia oficial do Monarca. Trátase do primeiro encontro que o máximo mandatario galego mantén coa Súa Maxestade, logo da súa toma de posesión, o pasado 18 de abril.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, puxo en valor o compromiso coa “unidade” do novo Goberno galego, do que destacou que está concibido como “un equipo” que pretende “ser útil aos intereses de Galicia” e “estar á altura das circunstancias que esixe esta situación económica”. O máximo mandatario autonómico, que presidiu a toma de posesión das novas secretarias xerais integradas na Presidencia da Xunta, remarcou que todos os altos cargos do Executivo autonómico teñen “o visto bo do Goberno na súa totalidade cando son nomeados no Consello da Xunta”.

Nese sentido, Núñez Feijóo insistiu en que o Goberno non está formado só polos conselleiros e o presidente, senón polo conxunto de altos cargos que comparten a ilusión e o compromiso de servir aos intereses de Galicia. “Concibimos os altos cargos da Xunta non como nomeamentos illados, compartimentos estancos”, asegurou, senón como un equipo “que busque a coordinación necesaria, a unidade imprescindible para saír adiante nun momento difícil como o que hoxe estamos a atravesar”. Así mesmo, indicou que os altos cargos neste Goberno non son “un premio”, senón “unha responsabilidade”.

O presidente da Xunta fixo referencia aos últimos datos da Enquisa de Poboación Activa, que “lamentablemente” amosan que España bordea xa o 17% de paro e supera os 4 millóns de desempregados. Nesa liña, sinalou que “todas as previsións macroeconómicas que tiñamos para o ano 2009 están empeorando, e o total máximo de paro que tiñamos previsto para o ano 2009 está sendo realidade no primeiro trimestre deste ano”.

Por ese motivo, Alberto Núñez Feijóo considerou necesario hoxe reafirmar o compromiso do Goberno galego “cos intereses xerais de Galicia, coa recesión económica na que estamos instalados e con todos os retos que a sociedade puxo en nós cando nos otorgou a súa confianza maioritaria”.

Compromiso dos novos altos cargos

O titular do Goberno galego felicitou a María Cayetana Lado Castro-Rial pola súa toma de posesión como directora xeral da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta, e afirmou que desde o seu posto, a nova asesora xeral “só atenderá a un criterio: a defender os intereses xerais de Galicia dentro do estrito cumprimento da legalidade, soamente as normas, a Constitución e o Estatuto de Autonomía”.

Tamén felicitou á nova secretaria xeral de Igualdade, Marta González Vázquez, á que lle pediu “o máximo compromiso coas políticas reais de igualdade”, non coas “políticas obrigatorias”, defendendo o cumprimento “dos principios xerais do dereito que están por riba de algunhas interpretacións dalgunhas leis”. O presidente da Xunta puxo o seu “aval” para que “as políticas reais de igualdade non se queden nunha palabra, senón que sexan horizontais” e para todas as consellerías as apliquen.

Á nova secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, María del Mar Pereira Álvarez, o xefe do Goberno galego lembrou que conta cunha dilatada experiencia neste campo logo de ter sido responsable dos servizos informáticos e tecnolóxicos do Servizo Galego de Saúde. Alberto Núñez Feijóo reclamoulle á secretaria xeral que ensine, priorice e coordine ao Goberno galego para que “Galicia sexa dentro de catro anos, senón a primeira, de entre as primeiras administracións que manteña informados aos cidadáns en tempo real”.

O presidente da Xunta participou tamén hoxe nas tomas de posesión dos novos altos cargos das consellerías de Facenda, Medio Rural, Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e de Sanidade, e lembrou que foron estes departamentos nos que desempeñou os seus primeiros altos cargos na Administración autonómica.

Pola súa banda, na toma de posesión dos altos cargos da súa Consellería, a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, salientou que os novos titulares do seu departamento xa teñen “amosada a súa enorme valía nesta administración, todo eles magníficos profesionais”, que “contan con méritos recoñecidos nos respectivos ámbitos competenciais”.

Fernández Currás subliñou tamén que esta toma de posesión, tras os nomeamentos de onte, se fixo “no máis breve prazo posible” para “dar cumprimento” ao programa de traballo “desde o primeiro momento”.

A conselleira referiuse a que estes tres homes e dúas mulleres teñen “unha acreditada capacidade técnica e de esforzo persoal” polo que concluíu que “garanten un equipo cohesionado” e lles ofreceu todo o seu apoio no desenvolvemento das súas funcións.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2009-04-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES