Notas de prensa

Balance de Goberno na Fundación Semana Verde

O conselleiro de Presidencia da Xunta en funcións, Méndez Romeu, asegura que a Fundación Semana Verde posúe unha carteira de proxectos máis importante que en noutros exercicios.

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en funcións e presidente da Fundación Semana Verde de Galicia, José Luis Méndez Romeu, asegurou que a actual Xunta lle deixa ao vindeiro Goberno unha situación “estabilizada”, “profesional” e “máis moderna” na Fundación Semana Verde. Así o dixo esta tarde trala reunión do padroado coa que remata o traballo do actual Goberno na Fundación. Explicou que a Semana Verde queda coa “carteira de proxectos máis importante que en ningún dos exercicios anteriores”, ademais dunha vocación de situar o recinto feiral da Semana Verde como “referencia en Galicia no ámbito da promoción comercial”.

Méndez Romeu aproveitou esta comparecencia para facer balance e lembrar que a Fundación estaba nunha situación de blindaxe estatutaria que dificultou a modificación e innovación da mesma ata comezos do 2008. Neste sentido, o conselleiro en funcións subliñou que nun ano logrouse a modificación dos estatutos, introduciuse un “novo concepto de xestión cunha dirección xeral nova e de carácter profesional” e clarexouse o seu funcionamento e o ámbito de relacións entre os distintos patróns.

O conselleiro en funcións sinalou que “a Fundación tivo perdas acumuladas nos últimos anos por valor de 19 millóns de euros”, as cales foron imputadas ao seu capital fundacional. “Esta situación é a que terá que ser corrixida de acordo co plan de viabilidade”, o cal xa está redactado, segundo Méndez Romeu.

Débeda co Concello de Silleda

Doutra banda, o titular de Presidencia en funcións declarou que algúns dos problemas históricos da Fundación como as débedas tributarias co Concello de Silleda “xa están en vías de resolución a través dun convenio de compensación”, asinado o pasado mes de febreiro. Méndez Romeu lembrou que o Concello tamén tiña unha débeda coa Fundación de capital fundacional. “Estase camiñando nunha senda de profesionalidade, de transparencia, de adecuación á legalidade e de competitividade empresarial”, sinalou.

Contas da Fundación

No relativo ás contas da Fundación Semana Verde, dixo que serán aprobadas definitivamente “cando estea rematada a auditoría actualmente en curso”. Neste sentido, o conselleiro en funcións anunciou o acordo da sinatura dun crédito temporal para facilitar “o funcionamento cotián da fundación”. “É un crédito de 800.000 euros cunha duración de 6 meses precisamente para que sexa a nova Administración a que tome a decisión estratéxica de funcionamento para o futuro”, engadiu. Méndez Romeu explicou que se trata de que esta Administración “deixe pechados totalmente os traballos que lles corresponden á súa xestión”.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, 2009-04-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES