Notas de prensa

Sara Vázquez, Isaac Guedes e o Club de Montaña Quixós, grandes vencedores da segunda proba da Copa Galega de Promoción Slalom-2009

Vázquez, do Quixós, e Guedes, do A.B. Salvaterra, acadaron dous primeiros postos cada un en canoa e kaiak infantil; David Saco, tamén do Quixós, sumou tres podios na xornada.

Sara Vázquez, Isaac Guedes e o Club de Montaña Quixós de Monforte de Lemos foron os grandes triunfadores da segunda cita da VII Copa Galega de Promoción Slalom-2009, que se disputou en Ribadumia os días 28 e 29 de marzo. A proba, organizada polo Club Náutico O Muíño de Ribadumia e a Federación Galega de Piragüismo, contou con máis dun centenar de xoves piragüistas.

Sara Vázquez e Isaac Guedes conseguiron gañar as probas de K-1 e C-1 Infantil cunha gran exhibición; ademais, os resultados deixan patente a igualdade entre homes e mulleres, xa que Guedes só conseguiu quitar dous segundos a Vázquez no resultado final da proba de K-1. David Saco foi outro dos grandes protagonistas grazas aos seus tres podios da xornada, en C-1, K-1 e C-2 Infantil Masculino.

Desta volta, Sara Vázquez Fajín, do Club de Montaña Quixós de Monforte de Lemos, conseguiu imporse a María Souto, do Club Tea de Mondariz-Balneario, no K-1 Infantil Feminino. A monfortina demostrou o seu bo momento de forma remontando á de Mondariz no derradeiro sector. O terceiro caixón do podio quedou reservado para Uxía González, do Clube Piragüismo Val Miñor-Frioya, que repetiu a posición acadada a comezos de mes en Tomiño. As tres rapazas dan boa conta do gran nivel das palexeiras galegas.

En C-1 Infantil Feminino, Sara Vázquez Fajín non fallou e repetiu triunfo. Pola súa banda, María Souto conseguía o seu segundo segundo posto da xornada. A novidade no podio con respecto á proba de Tomiño poñíaa Alicia Alves, do Club Piragüismo Penedo de Caldelas, que foi terceira.

En C-1 Infantil Masculino, Isaac Guedes, do Club Augas Bravas de Salvaterra, arrebatou o primeiro caixón do podio a Miguel Varcárcel, do Club Deportivo Miño-Os Teixugos, que subira ao máis alto en Tomiño e que tivo que conformarse coa terceira praza. David Saco, do Club de Montaña Quixós de Monforte de Lemos, firmou unha nova segunda posición no C-1.

Isaac Guedes non se baixou do primeiro posto na proba de K-1 Infantil Masculino. O de Salvaterra volveu superar a David Saco e compartiu podio co seu compañeiro no Club Augas Bravas de Salvaterra Axel Afonso.

No C-2 Infantil Masculino, David Saco e Diego Vázquez, do Club de Montaña Quixós de Monforte de Lemos, lograron vencer por diante de Iván Marchante e José Antonio Núñez, do Club Piragüismo Penedo de Caldelas, segundos, e Andrés Saco e David Pérez, tamén do Quixós.

No C-2 Infantil Feminino, o primeiro posto foi para Alicia Alves e Nerea Alonso, do Club Piragüismo Penedo de Caldelas. Pilar Wibbelink e Uxía González, do Clube Piragüismo Val Miñor-Frioya, e Lucía Cabo e María Fernández, do Club de Montaña Quixós, foron segundas e terceiras respectivamente.

Manuel Ochoa, do Club Deportivo Miño-Os Teixugos, mostrou a súa superioridade no K-1 Alevín Masculino e gañou a proba por diante do seu compañeiro de equipo Brais Castro e Martín Quintán, do Club Deportivo Municipal de Piragüismo de Dumbría.

En C-1 Benxamín Feminino, o Club Deportivo Miño-Os Teixugos copou os tres postos do podio e presumiu de superioridade. Isabel Varcárcel adxudicouse de novo a proba. Marina Rueda e Bea Besada acompañárona no podio final.

Clara González, do Club Deportivo Miño-Os Teixugos, impúxose no K-1 Benxamín Feminino a Miriam Muíño, do Club Deportivo Municipal de Piragüismo de Dumbría, segunda, e á anterior gañadora Jasmine Díaz, de Quixós.

En C-1 Benxamín Masculino, Alberto Cotelo, do Clube Piragüismo Val Miñor-Frioya, repetiu victoria na proba. O segundo posto foi para Marco Patiño, dos Teixugos, e Jorge Vázquez ocupou a terceira posición.

Na clasificación por clubes, sen novidades. O Club de Piragüismo Montaña Quixós volveu imporse e sigue liderando a Copa. O Club Deportivo Miño-Os Teixugos de Goián foi segundo e mantense na segunda praza. O Club Deportivo Municipal de Piragüismo de Dumbría volveu pechar o podio e revalida a súa terceira praza na xeral.

O calendario da Copa Galega de Promoción Slalom-2009 constará de sete probas. Trala cita de Ribadumia chegarán as probas de Gondomar (25 de abril), Mondariz (23 de maio), O Rosal (6 de xuño), Dumbría (8 de agosto) e Monforte de Lemos (22 de agosto).

Andrea García Acuña (Gabinete de prensa da FGP), 2009-03-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES