O secretario xeral de Relacións Exteriores da Xunta, Julio Fernández Mato, mantivo un encontro cos membros do corpo consular acreditado na Coruña, onde aproveitou para pedir a intensificación de lazos entre Galicia e os países que representan a través da celebración na Comunidade Autónoma de xornadas de tipo cultural ou económico que poñan en valor as relacións bilaterais con cada unha destas colectividades. Julio Fernández Mato expuxo ante 11 cónsules honoríficos as principais liñas de actuación do Goberno galego en materia de acción exterior nesta lexislatura.
Neste sentido, o secretario xeral destacou a posta en marcha nesta lexislatura de dúas delegacións da Xunta no exterior, concretamente nas cidades de Buenos Aires e Montevideo. O secretario xeral indicou que estas oficinas actúan como brazo administrativo da Xunta nestes países para atender as necesidades dos galegos alí asentados. Ademais, Fernández Mato considerou que os últimos catro anos foron fundamentais no establecemento de novos lazos entre Galicia e Iberoamérica.
Futuro da política rexional europea
O secretario xeral destacou tamén o interese de Galicia por liderar o debate sobre o futuro da política rexional europea. Neste sentido, destacou que a Comunidade Autónoma, a través da Fundación Galicia Europa, pretende liderar un grupo interrexional europeo para demandar a Bruxelas que os fondos europeos deixen de percibirse gradualmente a partir de 2013.
Fernández Mato destacou que a UE e as institucións comunitarias constituíron tamén un ámbito de atención preferente na acción exterior da Xunta e sinalou que o Goberno galego intensificou a presenza en Europa participando en diferentes consellos de ministros da UE e en todos os plenos do Comité das Rexions, REGLEG, Arco Atlantico ou ARFE.
Actualización da imaxe exterior de Galicia
Por último, o secretario xeral sinalou que a Xunta está a traballar nun proxecto de actualización da imaxe exterior de Galicia e que, neste momento, xa ten completada a súa primeira fase tras recabar as opinións de diferentes persoeiros vinculados ao mundo político, económico, cultural e social da Comunidade Autónoma.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.