Notas de prensa

Novidoso sistema de salvamento no buque gardacostas Serra do Courel

O dispositivo, patentado pola empresa Kafloat, permite evitar ou retrasar o afundimento dun barco en caso de vuelco, escora ou vía de auga, a través dun sistema de flotadores.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos vén de instalar nun dos barcos do Servizo de Gardacostas de Galicia, o “Serra do Caurel”, un sistema autónomo de salvamento no mar denominado Sistema Kafloat. Trátase do primeiro barco do mundo que navegará protexido con este sistema que, a través de flotadores, axuda a evitar ou retrasar o afundimento da embarcación en caso de vuelco, escora ou vía de auga. Isto permitirá facilitar o rescate dos seus tripulantes e minimizar o risco de morte no mar.

A instalación do sistema efectuouse no estaleiro Triñanes Domínguez en Boiro, e o traballo consistiu, inicialmente, na realización de seis buratos no casco (tres en cada costado) para a fixación dos módulos de flotación. A continuación, procedeuse á colocación das botellas de inflado necesarias, continuouse coa dotación e instalación dos sensores precisos para a detección de entrada de auga nos compartimentos protexidos e, por último, a colocación da unidade de control na ponte de goberno, na que se ubican as alarmas visuais e acústicas que avisan do perigo, así como os pulsadores de activación de cada un dos flotadores.

Os técnicos da Consellería de Pesca constataron que o traballo para a instalación do sistema nos buques pode levarse a cabo na maioría dos astaleiros galegos co asesoramento dos técnicos de Kafloat. Ademais, a colocación deste dispositivo é sinxela e rápida, podéndose aproveitar as varadas regulamentarias ou as obras de mantemento a realizar nunha embarcación para levar a cabo a colocación deste novo sistema.

Cos instalación do sistema Kafloat no barco de Gardacostas tamén quedou evidenciado que o espazo que ocupan os módulos deste sistema (detección, activación, inflado e flotación) é moi escaso e, ademais, o casco do barco pola súa parte exterior non se vé afectado nas súas formas orixinais. Deste xeito, non perxudica nin a velocidade media nin o rozamento do buque.

O barco “Serra do Caurel” do Servizo de Gardacostas da Consellería de Pesca, é a primeira embarcación, despois do prototitpo do Instituto Canario de Ciencias Marinas no que se realizaron as probas de mar, que leva instalado este sistema. As obras de modificación realizadas no barco de Pesca foron supervisadas e aprobadas pola Inspección da Capitanía Marítima de Vilagarcía de Arousa.

O Sistema Kafloat, que xurdiu dun proxecto de I+D+i e no que a empresa traballou ao longo de sete anos, está certificado por Bureau Veritas, aprobado pola Dirección General de la Marina Mercante e avalado por varias aseguradoras.

Pesca traballa na mellora da seguridade dos traballadores do mar

O proxecto piloto para a instalación do sistema Kafloat inclúese dentro das medidas impulsadas polo departamento que dirixe Carmen Gallego para mellorar as condicións de seguridade dos traballadores do mar. Nesta liña, atópase tamén o proxecto de investigación dun dispositivo que permita mellorar a seguridade e localización dos mariñeiros en caso de caída á auga.

Na mesma dirección se dirixen as actuacións de mellora dos medios cos que conta o Servizo de Gardacostas de Galicia en relación ao salvamento marítimo. Así, é de destacar que o helicóptero Pesca 1, con base en Vigo, disporá dunha tripulación 24 horas e, ademais, xa se iniciaron os trámites para a adquisición dun terceiro helicóptero que terá a súa base operativa na Costa da Morte, en concreto na localidade de Cee.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2009-02-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES