Notas de prensa

A Fundación Galicia Europa promocionará en 2009 ás empresas galegas nos mercados europeos

O Padroado da Fundación Galicia Europa (FGE) reuniuse para aprobar o Plan de actuación do organismo para este ano 2009. As principais liñas de actuación desenvólvense en tres áreas: a información e formación en asuntos europeos, a promoción de Galicia en Bruxelas e a internacionalización da empresa galega, a través do Centro de Negocios.

O Padroado da Fundación Galicia Europa reuniuse en Santiago para determinar as liñas de actuación da entidade para o ano en curso. A xuntanza serviu para aprobar o Plan de Actuación da Fundación Galicia Europa para 2009 que prioriza, fundamentalmente, o fomento da internacionalización das empresas galegas interesadas en abrirse camiño no ámbito europeo a través do novo Centro de Negocios adscrito á Fundación.

A reunión estivo presidida polo conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, e nela participaron ademais os titulares de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego; Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio; e Relacións Exteriores da Xunta de Galicia, Julio Fernández Mato. No Padroado desta mañá tomaron parte, ademais, Vicente Arias Mosquera, vicepresidente do Banco Pastor; José Luis Méndez López, director xeral Caixa Galicia; Julio Fernández Gayoso, Presidente Caixanova; Fernando Díaz Fernández, director xeral de Banco Pastor; Jesús Asorey Carril, representante de Cámaras de Comercio de Galicia en el Padroado; e Alfonso Paz-Andrade Rodríguez, vicepresidente segundo Caixa Galicia

Plan Estratéxico do Centro de Negocios

A Fundación Galicia Europa priorizará, neste ano 2009, o fomento de actividades no marco do recén creado Centro de Negocios da entidade, que ten como obxectivo promover a saída aos mercados europeos das pequenas e medianas empresas, grupos profesionais e cooperativas galegas. O Padroado da Fundación decidiu hoxe, na xuntanza, articular un Plan Estratéxico de Actuación para presentar este Centro de Negocios (CNGE) a diversos sectores produtivos galegos ao longo de 2009.

Desta forma, o CNGE prestará servizos de asesoramento e formación en comercio exterior, impulsará a participación das empresas galegas en proxectos e redes europeas e porá a disposición dos empresarios as infraestruturas que precisen para a súa expansión internacional. Entre os obxectivos do Centro de Negocios para o 2009 destacan, a promoción da mellora competitiva das pemes galegas mediante estratexias de internacionalización e o fomento da ocupación e captación de nichos de mercado internacionais. O Centro de Negocios porá a disposición das empresas interesadas un equipo técnico de xestores de exportación para axudalas na súa saída ao exterior.

Decidir sobre o futuro da política rexional despois de 2013

Doutra banda, a Fundación Galicia Europa continuará co seu labor de promoción de Galicia e dos seus intereses en Bruxelas reforzando a presenza galega nas distintas institucións comunitarias e velando polos intereses dos galegos, especialmente neste momento, no que se están a definir as bases da futura política rexional europea de cara ao 2013. Así, a Fundación Galicia Europa participará este ano en diversos grupos interrexionais europeos con este fin, así como en foros de debate e seminarios. Na actualidade, a FGE participa xa na rede Rotopi, que está analizando e tratando de influír na futura configuración dos fondos europeos.

Así mesmo, nas liñas de traballo da FGE para este novo período, prevese a celebración de diversos cursos, exposicións e actos culturais para difundir a lingua e cultura galega en toda Europa. Outro dos obxectivos da FGE é achegar a realidade europea a Galicia e viceversa. Neste sentido, a Fundación está a realizar un seguimento continuado das políticas europeas para poder transmitir en todo momento unha información fiable e actualizada. En 2009, a FGE continuará a desenvolver actividades de formación e información dirixidas aos cidadáns galegos, como cursos, seminarios, relatorios e xornadas de temática europea.

O éxito dos seminarios de información sobre a UE en América Latina, realizados o ano pasado en Arxentina, fai que se inclúa novamente nas liñas de actuación para este ano, e así mesmo, a organización de seminarios similares noutros países de Latinoamérica, como por exemplo, Uruguai.

1.441.068,57 euros

O orzamento da entidade para 2009 será de 1.441.068,57 euros e esperase, ao longo deste ano, poder incorporar novos patronos á FGE. Deste xeito, o secretario xeral de Relacións Exteriores manterá xuntanzas cos principais alcaldes de Galicia con esta finalidade. De feito, o Padroado aprobou hoxe a entrada como membro asociado da Deputación Provincial de Lugo.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2009-02-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES