Notas de prensa

Constituído o Centro Tecnolóxico Lácteo de Galicia

Con sé en Lugo, ademáis da Xunta e das universidades de Santiago e Vigo, participan as empresas do sector lácteo CAPSA, Leche Pascual, Lactalis, Celta, Leyma, Feiraco, Queizuar, Queserías Prado, LASURGAL e Puleva Food.

As consellarías de Innovación e Industria e do Medio Rural, as universidades de Santiago de Compostela e Vigo e dez das principais empresas do sector lácteo que operan en Galiza (CAPSA Corporación Alimentaria Peñasanta, Leche Pascual, Lactalis, Celta, Leyma, Feiraco, Queizuar, Queserías Prado, LASURGAL Lácteos y Sueros de Galicia e Puleva Food) constituíron na cidade de Lugo o Centro Tecnolóxico Lácteo de Galicia. A presidencia do centro recaerá na consellaría de Innovación e Industria, ocupando a vicepresidencia a empresa Feiraco e a secretaría a Universidade de Santiago de Compostela.

Posteriormente á celebración do acto de constitución da Fundación ante notario, celebrouse a primeira reunión do padroado. Nela nomeouse o director do Centro Tecnolóxico Lácteo, Juan Francisco Méndez Dónega, que viña exercendo como director da Aula de Produtos Lácteos da USC dende a súa creación. Así mesmo, aprobouse a composición da Xunta rectora, órgano ordinario de xestión ao que corresponde o goberno, e a administración da Fundación coas atribucións e facultades delegadas polo Padroado.

O Centro Tecnolóxico Lácteo nace co obxectivo de ser unha infraestrutura que faga de nexo entre administración, empresas e universidade para desenvolver toda a capacidade investigadora do sector primario galego, un dos sectores básicos da economía produtiva de Galiza. En concreto, o Centro nace co obxectivo de liderar a investigación básica e aplicada en colaboración coas empresas do sector, como continuidade e intensificación do labor que até agora viña desenvolvendo a Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago de Compostela. O Centro ubicarase en terreos do Parque Científico-Tecnolóxico de Lugo, onde está previsto que comece a súa construción en breve.

Un sector de grande importancia para o país

Segundo salientou o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco Álvarez, durante o acto de presentación, o sector lácteo galego agrupa preto de 15.000 explotacións de leite, máis da metade das do conxunto do Estado. Delas, a maioría están radicadas na provincia de Lugo. Ademais, a produción de leite en Galiza rolda os 2.200 millóns de quilos anuais e supera en volume de negocio os 900 millóns de euros, cifras que dan conta da importancia desta actividade no noso País.
Pola súa banda, o titular do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, situou o impulso deste Centro Tecnolóxico Lácteo “na política de apoio ao sector lácteo, en tanto que estratéxico para a economía e o medio rural galego”, que veu desenvolvendo o seu departamento nesta lexislatura e que serviu para fortalecer as súa estrutura produtiva, así como as condicións de traballo e a renda dos gandeiros. Como exemplo, citou a creación do Observatorio do Sector Lácteo; o establecemento da factura única para as relacións comerciais entre produtores e industrias; a sinatura de máis de 600 contratos homologados entre ambas partes coa mediación da Consellaría; o apoio ás explotacións con sistemas de produción sustentábel mediante a sinatura de 1.500 contratos de explotación no sector lácteo no seu primeiro ano en vigor ou as negociacións co Ministerio para que os gandeiros galegos puideran cobrar a prima láctea correspondente á cota adquirida ou recibida nas últimas campañas.

No eido do fortalecemento do sector cooperativo e de transformación industrial, a Consellaría, segundo lembrou Suárez Canal, tamén apoiou decididamente os proxectos que teñen como obxecto pechar ciclos produtivos e concentrar os procesos de elaboración de derivados lácteos no noso País (con especial incidencia nas producións amparadas por selos de calidade e a posta en marcha do Decreto de Artesanía Alimentaria, que permitirá incrementar o valor engadido de moitas pequenas empresas do rural galego).. En palabras do titular do Medio Rural “este novo Centro Tecnolóxico servirá tamén de soporte para todo ese proceso de transformación industrial e de mellora da competitividade dos produtos lácteos, tanto do leite cru como dos derivados que se van fabricar e comercializar desde Galiza para o mercado interior e exterior”.

Un novo centro ao servizo do sector

O orzamento asociado á constitución do Centro Tecnolóxico Lácteo ascende a 295.000 euros, achegados polos membros que o conforman. A Consellaría de Innovación e Industria proporciona 65.000 euros, a Consellería do Medio Rural e o Instituto Galego da Calidade Alimentaria aportan 45.000 euros en conxunto, as universidades de Santiago de Compostela e Vigo achegan conxuntamente outros 35.000 euros, e a iniciativa privada contribúe con 150.000 euros. O departamento de Fernando Blanco investiu ademais máis dun millón de euros nos últimos anos na conversión da Aula de Produtos Lácteos en centro tecnolóxico e está previsto asinar neste exercicio un convenio de consolidación que achegue recursos para os vindeiros tres anos.

Entre os servizos que prestará o centro destaca a área de Tecnoloxía Agroalimentaria, que incluirá catro liñas de fabricación para elaborar produtos lácteos. Deste xeito –apuntou o titular de Innovación e Industria- “a produción láctea da industria transformadora terá un instrumento tecnolóxico de grande potencia para ser máis competitiva, xerar valor engadido e situarnos á cabeza da investigación láctea a nivel internacional”.

O director do Centro Tecnolóxico Lácteo de Galicia será o enxeñeiro técnico agrícola e profesor titular da Escola Politécnica Superior de Lugo, Juan Francisco Méndez Dónega. A súa elección baseouse na súa ampla experiencia investigadora, na creación de empresas de base tecnolóxica e no seu papel á fronte da Aula de Produtos Lácteos, dende a creación da mesma en 1993.

Rede de centros tecnolóxicos

Dentro da política da Xunta de facer da I+D+i unha parte esencial do novo modelo de desenvolvemento económico galego, as infraestruturas de intermediación entre os axentes do sistema ocupan unha posición central. Así, a constitución de Centros Tecnolóxicos nos máis importantes sectores de actividade foron unha liña prioritaria de acción da Consellaría de Innovación e Industria. “Ao longo da lexislatura conseguimos dobrar o número de Centros, ao pasar de 11 en 2005 a 21 en 2008, ao tempo que pasamos de triplicar os recursos que lles destinamos, até acadar un orzamento de 41 millóns de euros o ano pasado”, salientou Fernando Blanco.

Pola súa banda, Alfredo Suárez Canal, lembrou que, dentro do Plano de Desenvolvemento Rural de Galiza 2007-2013, destinaranse -desde a Dirección Xeral de Investigación de Medio Rural- 14 millóns de euros a potenciar un programa que ten como obxectivo contribuír a que as empresas do sector agroalimentario galego trasladen ao mercado os resultados da investigación en forma de novos produtos, novos procesos ou novas tecnoloxías.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, 2009-02-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (cambio-hora.jpg) En 2025, Lara Weed e Jamie M. Zeitzer, da Universidade de Stanford, publicaron un artigo no que se relacionaba a práctica do cambio estacional de hora con aspectos negativos para a saúse, tanto de sintomatoloxía aguda (infartos ou accidentes cerebrovasculares), como crónica (obesidade). Agora, os profesores José María Martín Olalla, da Universidade de Sevilla, e Jorge Mira Pérez, da Universidade de Santiago de Compostela, tras analizar a metodoloxía aplicada neste estudo, constataron que 'o que o mundo leu como unha evidencia científica contra o cambio de hora resultou ser unha ilusión matemática'.
Foto de la tercera plana (oposicions.jpg) Un total de 15.733 persoas concorrerán ás oposicións de Educación deste ano 2026 segundo a listaxe provisional de admitidos publicado no Portal Educativo. Cómpre lembrar que, froito do acordo entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e os sindicatos CC.OO., ANPE, UGT-SP Ensino e CSIF, como novidade nesta ocasión os interinos non teñen a obriga de presentarse ao exame, co obxectivo de axilizar o proceso. Isto provoca un descenso de case o 23% nas probas respecto á convocatoria do ano pasado. En concreto, 4.689 aspirantes menos. A Xunta de Galicia convoca para este proceso un total de 1.601 prazas, o que supón esgotar o 120% da taxa de reposición marcado polo Estado.

Notas

Do 29 de abril ao 3 de maio, a localidade de Tui acollerá a 22ª edición do Play-Doc Festival Internacional de Cine, que presenta a súa Competición Internacional, unha selección de obras recentes do cinema contemporáneo internacional con películas procedentes de distintos contextos e xeografías. A sección reúne títulos de diversas procedencias, con obras de Europa, América, África e Asia, en formatos que van da curtametraxe á longametraxe.
El próximo 1 de mayo, la localidad salmantina de Escurial de la Sierra acogerá la Primera edición del Festival Miña Ruliña, una iniciativa cultural promovida por el Centro Gallego de Salamanca que nace con el objetivo de acercar la música tradicional a toda la ciudadanía, promoviendo el conocimiento, la participación y el disfrute de un patrimonio que forma parte esencial de nuestras raíces.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES