Notas de prensa

Pesca e Autoridade Portuaria de Vigo colaboran na mellora das condicións hixiénico-sanitarias e de seguridade do porto pesqueiro

Carmen Gallego e Jesús Paz asinaron un acordo polo que a Consellería achegará preto de dous millóns de euros que permitirán substituír as portas de acceso ás lonxas de Grandes Peixes e Altura e incidir na funcionalidade do novo Hangar Xeral de Venda e Empaque, entre outras actuacións.

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Paz Arias, asinaron un acordo de colaboración que permitirá mellorar as condicións hixiénico-sanitarias e de funcionalidade e seguridade do porto pesqueiro da cidade olívica, nun acto no que tamén estivo presente o Alcalde de Vigo, Abel Caballero. Para levar a cabo esta obra de mellora e acondicionamento das instalacións a Administración pesqueira galega fará unha achega de 1.979.483,72 euros, que se financiarán con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia. Concretamente, do investimento total, 500.000 euros corresponden aos presupostos deste ano e os case 1,5 millóns restantes, ás contas do vindeiro exercicio.

Na rolda de prensa posterior ao acto de sinatura, Gallego destacou que esta iniciativa enmárcase nas accións que o seu departamento vén desenvolvendo nos portos pesqueiros de Galicia, en infraestruturas e equipamentos, coa finalidade de mellorar os servizos destinados aos profesionais do mar. Estes investimentos lévanse a cabo especialmente en peiraos de competencia autonómica, aínda que sen desatender os de competencia estatal, como é o caso do de Vigo. De feito, a colaboración entre Pesca e a Autoridade Portuaria da cidade olívica é constante e boa proba disto son os protocolos subscritos para automatizar as lonxas de Baixura-Cerco e Conxelado, por unha banda, e a “rula” de marisco do Berbés, por outra.

Segundo o acordo asinado esta mañá, despois de recibir o visto bo do Consello da Xunta na xornada de onte, as obras que se van a executar consisten na substitución das portas de acceso ás lonxas de Grandes Peixes e Altura para mellorar as condicións hixiénico-sanitarias. De feito, coas novas portas procederase á separación dos tráficos de persoas e maquinaria e serán concibidas de xeito que eviten a entrada á “rula” de gaivotas.

Así mesmo, a colaboración entre Pesca e a Autoridade Portuaria permitirá mellorar a funcionalidade e seguridade do edificio do novo Hangar Xeral de Venda e Empaque, para o que é necesario un novo acceso lateral e a colocación dunha cuberta sobre as terrazas, ao tempo que se instalará un ascensor co obxectivo de eliminar barreiras arquitectónicas.

O proxecto construtivo de mellora e acondicionamento de instalacións no porto pesqueiro de Vigo prevé un prazo de execución das diferentes actuacións de seis meses, aínda que o acordo estará vixente ata finais do ano que vén. Isto é debido ao feito de que as obras afectarán a edificios nos cales se desenvolven actividades a diario e, polo tanto, considérase conveniente que o prazo de vixencia do protocolo se estenda nun período de tempo máis amplo, que permita escoller o momento máis idóneo coa mínima afectación.

Obrigas das dúas partes

O acordo subscrito hoxe establece que entre as obrigas da Autoridade Portuaria están aprobar o proxecto realizado pola Consellería e poñer á disposición da Administración pesqueira galega os terreos e edificios, dentro da zona de servizo do porto de Vigo, necesarios para a execución das obras. Neste sentido, cómpre sinalar que a Autoridade Portuaria será a encargada de realizar as xestións correspondentes para a obtención de permisos, licenzas e autorizacións regulamentarias, así como afrontar os gastos que se xeren. Así mesmo, o ente portuario asumirá a xestión, explotación, mantemento e conservación das obras unha vez finalizadas e recibidas.

Pola súa banda, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Pesca comprométese a executar as obras e a financiar o seu custo, podendo ser cofinanciadas polo Fondo Europeo da Pesca, xa que a actuación de mellora e acondicionamento do porto pesqueiro de Vigo encaixa dentro do Programa Operativo do FEP.

Así mesmo, para o impulso e seguimento das accións establecidas no acordo crearase unha comisión encargada de resolver as controversias que xurdan, que estará integrada por catro membros, dous por cada un dos asinantes. Así, formarán parte da devandita comisión o director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca e o xefe do Servizo de Acción Costeira Artesanal, por parte de Pesca, e o director e o xefe do Departamento de Explotación Pesqueira e Medio Ambiente da Autoridade Portuaria.

Colaboración entre Pesca e a Autoridade Portuaria

A colaboración entre a Consellería de Pesca e a Autoridade Portuaria de Vigo vén sendo constante ao longo dos últimos anos e boa proba disto é a subscrición de sendos acordos nos anos 2006 e 2007. Co primeiro destes protocolos procedeuse a informatizar a lonxa de mariscos do Berbés, dotándoa de todos os medios necesarios para que o proceso de comercialización se leve a cabo nas mellores condicións. O obxectivo fundamental deste convenio era a mellora do tratamento das descargas realizadas nos distintos portos da ría de Vigo, facilitando a súa concentración nun único punto de venda e tentando evitar así posibles caídas de prezos nos produtos pesqueiros.

Para esta actuación Pesca achegou máis de 160.000 euros para subministrar e instalar a infraestrutura de pesaxe electrónica, con unidades de procesamento de datos e de etiquetado electrónico, así como un sistema informatizado de recollida de datos dos participantes no proceso de descargas, exposición, poxa, adxudicación e venda de peixe e marisco. Deste xeito, buscouse a mellora na identificación do produto, maior garantía para o comprador e maior axilidade na tramitación administrativa e na facturación das vendas.

Posteriormente, no exercicio 2007, o departamento que dirixe Carmen Gallego e a Autoridade Portuaria subscribiron un novo acordo para automatizar e dotar de medios técnicos e informáticos ás lonxas de Baixura-Cerco e de Conxelados de Vigo. Con esta acción perseguíase unha mellora no seguimento e tratamento global das descargas de pesca realizadas nas lonxas dependentes do ente portuario, así como incidir na comercialización, na identificación, na tramitación administrativa e na facturación de cara ao coñecemento dos datos de venda en tempo real e á súa conexión á Plataforma Tecnolóxica da Pesca da Consellería.

Neste caso, a achega realizada por Pesca superou os 430.000 euros destinados a informatizar as transaccións realizadas nas de Baixura-Cerco e de Conxelados, así como á instalación dunha rede “wire-less”.

Ademais, cabe sinalar que, nos últimos tres anos, a Consellería de Pesca ten realizado investimentos no Concello de Vigo por un valor próximo aos 33 millóns de euros. Esta partida, ademais das achegas para equipamentos portuarios, entre as que se sitúa a dotación do convenio asinado esta mañá, tamén inclúe axudas á frota, ás industrias e para actividades acuícolas.

Así mesmo, os profesionais do mar do Concello de Vigo contaron con aportacións para Pesca Costeira Artesanal (Pecosas) e para vixilancia, asistencias técnicas e proxectos colectivos. A esto hai que engadir o orzamento da Administración pesqueira galega para a Cidade do Mar.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2009-02-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES