Notas de prensa

O Teatro Municipal de Tui pon á venda entradas en Internet a través da web propia www.culturatui.info

O Teatro Municipal de Tui vai ser pioneiro en Galicia na venda de entradas por internet nunha web propia (www.culturatui.info), ao ser o primeiro teatro público que pon en marcha este sistema de xeito directo e que irá ampliando información sobre os espectáculos culturais.

O Teatro Municipal de Tui vai ser pioneiro en Galicia na venda de entradas por internet nunha web propia, ao ser o primeiro teatro público que pon en marcha este sistema de xeito directo. Este feito será unha realidade o 16 de febreiro ao través da páxina www.culturatui.info, que de xeito progresivo irá incorporando información sobre os espectáculos culturais. No despacho de billetes electrónico o espectadores poderá elixir ao través do seu ordenador a butaca onde quere sentar e mercala directamente ao través do pagamento electrónico, logo o día da función non terá máis que recollela na billeteira do Teatro.

Desde xeito a Concellería de Cultura de Tui da un paso máis na súa aposta por unha programación estable e de calidade, valéndose amais das novas tecnoloxías para mellorar o servizo que ofrece ao público. Os espectadores teñen encaramado ao Teatro Tudense aos primeiros lugares na media de espectadores da Rede Galega de Teatro e Auditorios.

Tui mantén tamén a súa aposta económica pese aos tempos de crise, consciente da importancia de seguir pola liña marcada até o momento. Deste xeito a Concellería de Cultura vai investir algo máis de 90 mil na programación cultural a desenvolver até finais do mes de maio, na que ofertará dez espectáculos no Teatro Municipal, a celebración do Entroido e das Festas de San Telmo, as Feiras de Artesanía e do Libro, e a programación da Sala de Exposicións e da Biblioteca Municipal. Esta actividade recóllese no número 17 da Axenda Cultural Corredoira que cumpre dez anos de publicación. Nesta ocasión edítanse 15 mil exemplares a distribuír nos fogares de Tui e de Valença do Minho así coma en diversos espazos públicos.

A presentación desta programación tivo lugar por parte do Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha e do Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez. Ambos manifestaron sentirse orgullosos da posta en marcha da venda de entradas por internet, que explicaban era “unha opción moi demandada pola xente”. Así Fernández Rocha insistía que “o máis importante sempre é o público porque sen público non temos espectáculo”.

No que se refire a actividade do Teatro Municipal haberá oito representación teatrais, un concerto de música clásica, e unha obra de danza contemporánea. Compre salientar que de novo Tui volve contar coa presenza do Centro Dramático Galego, ao ser Espazo CDG, coa obra “As Dunas” que terá unha dobre función o 8 e 9 de maio. Lagarta, Lagarta presentará en Tui a dous actores galegos de primeiro nivel coma Ernesto Chao e Xosé Manuel Olveira “Pico” en Aeroplanos. Outra das compañía consagradas da escena galega coma Teatro do Atlántico achegará a Tui “Unha primavera para Aldara” que está colleitando unha excelente crítica. E hai tamén oco na programación para o teatro independente con Teatro Ensalle de Vigo e “La estrategia del avestruz”.

Tui non descoidará ao seu público máis fiel, os cativos, e volve apostar polo teatro infantil no que goza dunha media de 240 espectadores. A compañía Galitoon que fixo disfrutar aos nenos con Golulá volve agora cunha nova obra escrita con catro palabras, mentres que por vez primeira estará na cidade Berrobambán con “Boas Noites” na que haberá música en directo. Pero a primeira representación será este mesmo venres con Elefante Elegante e “Tristán cara de can”.

A parte musical da programación correrá a cargo da Real Filharmonía de Galicia nun concerto de luxo que chega a Tui grazas á Fundación Caixanova.

Pecha a programación do Teatro o Centro Coreográfico Galego, que tan bo sabor de boca deixou con Vacuo e o Kiosco das Almas Perdidas. Agora presentan o clásico “Giseliña” dirixido por Cisco Aznar.

A programación do Teatro acada un investimento de 60 mil euros dos que o 40%, 25 mil euros, son aportados polo propio Concello de Tui.

Na Axenda Cultural Corredoira recóllese amais a programación até o mes de xuño tanto da Sala Municipal de Exposición coma da Biblioteca Pública, a programación do Entroido, as actividades que o Concello organiza nas Festas de San Telmo con especial destaque a aposta polas Asociacións coa organización dunha Semana do Teatro Afeccionado. Así coma as novas edicións que se van celebrar tanto da Feira de Artesanía coma da Feira do Libro.

Concello de Tui, 2009-02-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260608-parlamento.jpg) Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
Foto de la tercera plana (vivenda-2023-02.jpg) A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.

Notas

O XX aniversario do Festival Arteficial segue collendo forma de xeito inmellorable. Tras os encontros e concertos celebrados a finais de mayo na provincia de Ourense, a organización fai un balance extraordinario da acollida do público. Cidades e espazos singulares como Auriense, El Pueblo, Secret Bridge e, de forma moi especial, a Granxa D'Outeiro, foron as testemuñas do éxito absoluto destas presentacións.
Dar resposta aos retos derivados do envellecemento da poboación nas áreas rurais da fronteira entre España e Portugal é o obxectivo central do proxecto Activa Rural Transfronteirizo, no que participan 17 institucións e entidades destes dous países, entre as que se atopa a Universidade de Vigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES