A Consellaría de Innovación e Industria a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño leva por segundo ano consecutivo un stand institucional de Artesanía de Galicia ás feiras profesionais de Intergift e de Iberjoya, que se celebran en Madrid entre o 14 e o 18 de xaneiro, no marco da Semana Internacional do Agasallo, da Xoiaría e da Bixutaría. A xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Maruxa Ledo Arias, viaxa a Madrid en representación da Consellaría para acompañar os oito artesáns galegos que participan nestas feiras. Deste xeito, a Consellaría de Innovación e Industria continúa coa súa campaña de apoio á promoción e á introdución do produto artesán galego nos mercados de fóra de Galiza, a través da presenza da marca en diversos eventos de prestixio internacional.
O stand que Artesanía de Galicia levará a Intergift estará situado no pavillón número 5 denominado "Fantasía" e dispón de cen metros cadrados, no que participan tres artesáns de diferentes áreas: Zimzelatum (Gondomar), especializado en metalistaría e xoiaría, Auga (Bergondo)- que realiza complementos con vidro - e Paca Peca (Santiago de Composela), que elabora complementos e bixutaría.
En canto a Iberjoya, a marca contará cun espazo de 85 m2 situado no pavillón 14.0 e no que participan cinco xoieiros artesáns: Maysil (A Estrada), Henry Huamán (Lugo), Silvereira (Teo), Druída (A Estrada) e A Feitura (A Coruña).
Como xa vén sendo habitual, os obradoiros que viaxan a Madrid co stand institucional da marca contarán cun espazo individual de exposición e venda das súas pezas así coma un almacén común. A Consellaría de Innovación e Industria encárgase de subvencionar, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, o 75% dos custes de aluguer de cada espazo individual, do transporte e do seguro das pezas e mais de lles proporcionar aos artesáns o apoio de dous profesionais que desenvolverán tarefas de tipo comercial.
A través deste tipo de actuacións, Innovación e Industria continúa coa súa estratexia de promoción da marca Artesanía de Galicia nos mercados de fóra de Galiza, tal e como está previsto no Plan de Actuacións Estratéxicas que a Consellaría está a desenvolver en materia de artesanía para o período 2007-2009. O obxectivo da Consellaría é amosar a calidade artística e artesanal das pezas que se engloban na marca Artesanía de Galicia e, ao mesmo tempo, fomentar a aparición de novas canles de comercialización para o sector artesanal galego.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.