Notas de prensa

A iniciativa Efelcren, seleccionada como exemplo de boas prácticas para a Conferencia Nacional Temática de Proxectos Europeos sobre Competencias Básicas

O proxecto que coordina a USC elaborou un Centro de Recursos didácticos dixitais e exemplos de boas prácticas de uso de materiais de e-learning.

A Universidade de Santiago coordina o proxecto europeo Efelcren (Educational Flexible and creative environments) para a creación e validación de materiais didácticos mediante ferramentas gratuítas ou de software libre que serán empregados posteriormente en espazos de formación on-line de Educación Primaria e Secundaria.

Efelcren foi seleccionado para participar este martes 2 en Madrid na Conferencia Nacional Temática e Feira de Valorización de Produtos de Proxectos Europeos sobre Competencias Básicas que organiza o Organismo Autónomo Programas Educativos Europeos (OAPEE) como Axencia Nacional para o Programa de Aprendizaxe Permanente. Esta entidade seleccionou ao equipo compostelán como exemplo de boa práctica para este encontro, ao que acude convidada para mostrar o traballo realizado.

Coordinado polo Grupo de Investigación de Tecnoloxía Educativa da USC que dirixe a profesora Beatriz Cebreiro, Efelcren é un proxecto cofinanciado pola Comisión Europea no marco do programa Socrates/Comenius 2.1 que reuniu a investigadores, formadores de profesores, profesores, técnicos e estudantes de TIC para identificar as mellores estratexias de ensino, crear e avaliar materiais de e-learning que inclúen en múltiples idiomas contido interactivo como simulacións, multimedia ou video clips

Ademais, o grupo identificou exemplos de boas prácticas que foron categorizadas mediante unha base de datos en liña no Centro de Recursos, o que facilita o seu uso a outros profesores así como a súa adaptación ás súas propias necesidades. Deste xeito, profesores de diversas áreas e países poden facilmente encontrar diferentes recursos didácticos de gran calidade á súa disposición listos para ser utilizados (http://efelcren.cesga.es/center). O proxecto rematouse este curso e ábrese a toda a comunidade científica e educativa.

Calquera persoa interesada tamén pode colaborar publicando a través deste Centro de Recursos os seus propios materiais de e-learning, outros que utilicen habitualmente e consideren de interese para os usuarios ou ferramentas útiles (software educativo, webs especializadas, ferramentas web 2.0 e para a formación e a colaboración en rede, etc). Desta forma, o catálogo inicial poderá ampliarse e actualizarse constantemente ata converterse nun punto de referencia para todos aqueles profesores interesados no desenvolvemento de propostas de aprendizaxe flexibles e creativas.

Como socios deste proxecto participan o Centro de Supercomputación de Galicia, o Trinity College (TCD-Irlanda), o Centre of Information Technology of Education (ITC-Lituania), o Instituto per lle Tecnologie Didattiche (Génova- Italia), o Haslev Seminarium (Dinamarca) e o Euneos Corporation (Finlandia).

Gabinete de Comunicación da USC, 2008-12-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) Foron presentados os novos equipamentos do Centro de Supercomputación de Galicia) instalación que vai incorporar un segundo computador cuántico, denominado IQM Spark. O novo supercomputador e os dous novos computadores cuánticos que se van adquirir situarán a nosa Comunidade na vangarda europea en canto a capacidade de almacenamento de datos e participación en grandes proxectos internacionais. En canto aos computadores cuánticos, o de menor capacidade (5 cúbits), dedicarase exclusivamente a tarefas de formación, probas de concepto e de algoritmia, complementando así ao de maior capacidade (54 cúbits), que será o buque insignia.
Foto de la tercera plana (autopista-ap9.jpg) A Xunta exixe o rescate da AP-9 e asina cos Gobernos de Asturias e Castela e León e o tecido empresarial das tres comunidades a Declaración Compostela, que insta á Comisión Europea a culminar o ditame sobre as prórrogas da AP-9 e AP-66. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, interveu no encontro 'As infraestruturas viarias do Noroeste', organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia.

Notas

'A Galicia inédita' reúne obras de profesionais do fotoxornalismo que desenvolven o seu quefacer en medios de comunicación de Galicia, complementadas con lendas de corte literario ou informativo, elaboradas por membros da APG e outros xornalistas que tamén traballan na nosa comunidade autónoma. As imaxes captan todo tipo de acontecementos, lugares e personaxes, dende a vertente máis costumbrista ata sucesos de actualidade.
Persoal investigador do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da UDC desenvolveu unha nova estratexia para o transporte de material xenético ao interior das células mediante vesículas formadas por lipopéptidos catiónicos autoensamblables. O traballo representa un avance no desenvolvemento de sistemas non virais para terapia xénica.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES