
O presidente da Xunta subliñou hoxe que o Goberno galego entende e comparte a preocupación dos gandeiros e está traballando a fondo na activación de medidas e programas que permitan salvar as dificultades e conseguir a estabilización do sector lácteo, de importancia vital para Galicia. Así o dixo o titular do Goberno galego durante o acto de inauguración en Silleda da XXXI Semana Verde de Galicia, onde insistiu en que no Executivo autonómico compartimos as preocupacións dos traballadores do sector leiteiro e resaltou que non os imos deixar na estacada e non os estamos a deixar na estacada.
O máximo mandatario galego indicou que cómpre traballar na dirección na que o estamos a facer, en relación coas medidas adoptadas polo Executivo autonómico para introducir transparencia na negociación dos prezos. Pérez Touriño destacou que ademais das iniciativas do Goberno galego, debe actuar o Goberno central, e rexeitou as solucións locais. Nese sentido, sinalou que é necesario activar no marco da Unión Europea medidas concertadas que permitan unha actuación extraordinaria no mercado para dar saída aos excedentes de produción para que as empresas non presionen a prol da rebaixa dos prezos.
Ademais, Touriño reclamou medidas en torno ás políticas de importación para evitar as prácticas ilegais en relación co uso de leite concentrado e a venda de produto por debaixo dos custos de produción. En definitiva, o presidente da Xunta avogou por afinar todos os mecanismos posibles para superar as dificultades do sector do leite.
Paralelamente, o xefe do Goberno autonómico sinalou que o Goberno galego continuará actuando para facilitar a negociación dos prezos mediante medidas como o contrato homologado ou a factura tipo. Ademais indicou a necesidade de apoiar as medidas de traza para a adopción do Q de calidade e avanzou a implantación dun sistema de certificación do leite producido en Galicia.
Un Goberno comprometido co reequilibrio territorial
Durante o acto, no que tamén participaron o conselleiro de Presidencia, José Luis Méndez Romeu, e o do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, o presidente da Xunta asegurou que o Executivo autonómico está fondamente comprometido co desenvolvemento rural desde o primeiro día da lexislatura, así como coa superación da Galicia de dúas velocidades. Nese sentido, Touriño afirmou que o Goberno que preside está literalmente volcado co reequilibrio territorial, polo que activou un Plan que mobilizará ata 2010 un total de 3.700 millóns de euros.
No camiño cara á unha Galicia integrada, o presidente galego resaltou a importancia do Plan Estratéxico de Infraestruturas no Medio Rural, do que subliñou que rematará o ano cun grao de execución do 102%. Xunto con isto destacou a posta en marcha de medidas destinadas a mellorar a ordenación do traballo no rural, como a constitución do Banco de Terras ou dos contratos de explotación sustentable.
No seu discurso, o titular da Xunta resaltou que este ano máis de 500 persoas se beneficiarán das axudas para a primeira instalación de agricultores mozos, mentres que as axudas e plans de mellora en explotacións e cooperativas teñen preto de 1.750 beneficiarios. Ao mesmo tempo, Pérez Touriño puxo en valor a nova política forestal da Xunta que se plasmará na Lei de Montes, así como as medidas destinadas para incrementar a participación do sector.
A Xunta garante o futuro da Semana Verde
O presidente da Xunta expresou hoxe o compromiso do Goberno galego co futuro e coa viabilidade da Semana Verde e da Fundación que a leva adiante. A Xunta de Galicia quere proxectar cara ao futuro esta traxectoria de éxito, apostando por unha feira que, partindo das súas capacidades, fortalezas e potencialidades, saiba aproveitar as oportunidades para seguir sendo un referente no sector agropecuario e agroalimentario, resaltou.
Emilio Pérez Touriño sinalou que xa se empezou a dar pasos importantes nesta nova etapa de fortalecemento da Semana Verde de Galicia coa modificación dos estatutos da Fundación e a toma de posesión do novo padroado, presidido polo conselleiro da Presidencia, e coa decisión de crear unha estrutura de dirección altamente profesionalizada. Tras sinalar que a Xunta ten un compromiso financeiro que permitirá levar adiante os compromisos feirais deste ano e do vindeiro exercicio, o presidente galego resaltou que o Goberno galego está a garantir a continuidade da Fundación Semana Verde de Galicia e con elo a viabilidade da Feira Internacional e do resto de eventos que organiza a Fundación.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.