Notas de prensa

A boa persoa de Sezuán,, no Teatro Rosalía de Castro

O espectáculo, promovido polo Centro Dramático Galego, realizado por un equipo artístico galego-portugués do que forman parte doce actores e actrices e baseado en Bertolt Brecht, será representado os días 7 e 8 de novembro.

O Centro Dramático Galego (CDG) chega ao Teatro Rosalía de Castro da Coruña para ofrecer dúas funcións do seu último espectáculo, A boa persoa de Sezuán, versión en galego da obra de Bertolt Brecht con dirección de Nuno Cardoso, un dos nomes destacados da nova escena portuguesa. Esta fábula amarga sobre a busca da bondade nunha sociedade corrompida polos excesos capitalistas supón, así mesmo, a incorporación do dramaturgo alemán ao repertorio da compañía pública.

Na Coruña, será representada o venres 7 e o sábado 8, ás 20.30 h.
Para a montaxe de A boa persoa de Sezuán, Nuno Cardoso contou cun equipo artístico galego-portugués do que forman parte 12 actores e actrices (Rosa Álvarez, César Cambeiro, Antón Coucheiro, Mónica García, Rocío González, Roberto Leal, Rebeca Montero, Marta Pazos, Alberto Rolán, Machi Salgado, Toni Salgado e Hugo Torres), así como Fernando Ribeiro (deseño do espazo escénico), José Álvaro Correia (iluminación), La Canalla (vestiario) e Víctor Hugo Pontes (axudante de dirección e movemento). Fran Pérez “Narf” foi o encargado do espazo sonoro, poñendo música ás cancións que interpreta o elenco, e Frank Meyer da tradución do texto ao galego.

Divertimento

O director portugués optou por un proceso creativo similar ao que seguiu nos seus últimos espectáculos, asentados nunha coidada plasticidade e nunha esixente labor actoral que bota man de moi diferentes linguaxes interpretativas. O seu traballo cos actores comezou en Compostela a finais de agosto cunha primeira fase de análise dramatúrxica durante a que se abordou a obra de Brecht dende a interacción e as improvisacións. Elaborouse así unha linguaxe común a todo o equipo artístico a partir da que se comezou a construír o espectáculo que agora se atopa en xira por toda Galicia e a través do que Cardoso quixo recuperar o concepto de teatro como divertimento que reivindicou o autor nun dos seus textos.

Bertolt Brecht escribiu A boa persoa de Sezuán no seu exilio estadounidense durante a II Guerra Mundial. Esta “obra a modo de parábola”, como foi definida polo propio autor, conxuga algúns dos trazos máis característicos do teatro brechtiano para cuestionar a posibilidade de vivir xustamente nunha sociedade inxusta, nun mundo de paradoxos e extremos no que hai ricos fronte a pobres, patróns fronte traballadores.
Ambiente degradado.

A versión do Centro Dramático Galego sitúa o espectador nun ambiente urbano totalmente degradado, dominado polo asfalto e as omnipresentes luces de neon. A obra comeza coa baixada a Sezuán de tres deuses –aquí encarnados por personaxes ben recoñecibles da cultura popular contemporánea– coa esperanza de atopar persoas que sigan os seus ditados, isto é, persoas boas e xustas capaces de transformar a sociedade. A primeira que descobren é a única que os acolle, Xen Te, unha prostituta á que premian financiándolle outro medio de vida: un pequeno estanco. Pero os habitantes de Sezuán non tardarán en tirar proveito das boas intencións da moza, polo que esta, abafada polo acoso, decide facerse pasar polo seu curmán imaxinario, Xui Ta, que, con enorme frialdade, expulsa a todos os que queren vivir a conta do seu sacrificio.

A boa persoa de Sezuán chega á Coruña trala súa estrea o pasado día 24 de outubro no Salón Teatro de Santiago e despois de esgotar as entradas para a función que ofreceu en Carballo no marco do Festival Internacional Outono de Teatro. As localidades para as funcións no Rosalía, ao prezo de 13 € (platea e palco), 9 € (anfiteatro), 7 € (tertulia) e 6 € (galería), poden adquirirse de forma anticipada a través do teléfono 902 504 500 ou da web www.servinova.com. Igualmente, están á venda na billeteira central do IMCE de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 horas e na billeteira do Teatro Rosalía os días das funcións de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.30 horas.

Gabinete de Comunicación de Agadic, 2008-11-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-desafiodecarton.jpg) A Cidade da Cultural convida as familias a participar o vindeiro sábado 28 de xuño no Gaiás en 'Desafío de cartón', unha actividade lúdica e educativa que fomenta a creatividade a través do xogo con materiais de refugallo. Trátase dunha intervención efémera, coa que a Praza Central da Cidade da Cultura se encherá de elementos reutilizables para que persoas de todas as idades teñan a oportunidade de construír estruturas e xoguetes co único límite da súa imaxinación. Con 'Desafío de cartón' proponse sensibilizar sobre a reutilización de materiais e o impacto ambiental do cartón como residuo. A partir deste elemento, e con ferramentas como tesoiras, adhesivos ou retallos de tea, as persoas participantes poden construír libremente, experimentar e transformar o espazo mediante o xogo e a intervención colectiva, nunha actividade aberta á creatividade espontánea e á cooperación.
Foto de la tercera plana (paula-quintas.jpg) O programa de intercambio cultural Camiño Escena Norte presentou en Santander as principais novidades da súa sétima edición, que terá lugar do 12 de setembro ao 26 de outubro coa participación de 18 compañías de teatro, circo, danza e artes do movemento de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Navarra e, como nova incorporación en 2025, A Rioxa. Nesta iniciativa poderán verse os espectáculos procedentes das outras cinco comunidades autónomas, mentres que as compañías Chévere, Paula Quintas Cía. e Pérez & Fernández foron seleccionadas para xirar polo resto dos territorios en representación das nosas artes escénicas.

Notas

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías , centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, inaugurou a súa nova sede, coa que o centro pretende reforzar a súa xa destacada participación nos experimentos máis punteiros do mundo no ámbito da física. As instalacións, cunha superficie de máis de 5.000 m2, son froito dun investimento de máis de cinco millóns de euros por parte da Xunta de Galicia, cos que se acometeu a renovación e ampliación das dependencias situadas nas plantas baixas do edificio do Monte da Condesa, no Campus Sur de Santiago.
Arrancou na Facultade de Historia do campus de Ourense a terceira edición do curso Ourense no Tempo: Historia, Arte e Tradicións. Nel faise divulgación científica das investigacións que leva a cabo a comunidade universitaria do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo en temáticas relacionada coa provincia de Ourense así como as de outro persoal investigador externo especializado.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES