A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, mantivo unha xuntanza cos socios da Confraría de Pescadores de Cangas aos que lles explicou polo miúdo o proxecto da nova lonxa, que o seu departamento comezará a construír o vindeiro luns no porto pesqueiro desta localidade pontevedresa e que terá un prazo de execución de, aproximadamente, 10 meses. Esta actuación é froito do empeño da Administración pesqueira galega por mellorar as instalacións portuarias adscritas á nosa comunidade autónoma coa finalidade de que os profesionais do mar teñan unhas mellores e máis doadas condicións de traballo.
Así, a titular de Pesca destacou que as novas instalacións contarán cun orzamento total próximo aos 2,1 millóns de euros, dos que a maior parte (1.750.000 euros) se executarán o vindeiro ano e a cantidade restante, en 2008. Ademais, o edificio terá unha lonxitude de 43,30 metros na fachada principal e de 46,20 metros na posterior, mentres que a anchura será de 18,98 metros e a altura situarase en seis metros.
A estrutura estará dividida en dúas zonas con diferentes alturas, destinando a parte máis baixa aos servizos da lonxa, como por exemplo vestiarios, despachos de xestión e cuartos de instalacións. Pola súa banda, a parte de maior altura albergará as áreas propias da rula, entre as que se atopan a zona de subhastas, conectada co apartado de clasificación, que á súa vez estará comunicado coa sala de estabulación de crustáceos, a cámara de fresco e a fábrica de xeo. Nesta parte máis alta tamén haberá acceso á zona de reexpedición, que estará comunicada co túnel e a cámara de conxelación.
Todas estas dependencias terán ventilación e luz natural, a excepción das cámaras frigoríficas, que dadas as súas características estarán perfectamente illadas. Así mesmo, hai que sinalar que as salas de subhastas, clasificación e reexpedición terán acceso ao exterior e que as dúas zonas mencionadas anteriormente estarán sempre diferenciadas, atendendo á súa aparencia externa. De feito, deixarase unha área de menor dimensión na fachada que estará revestida de chapa de aceiro liso e estará lixeiramente inclinada respecto á vertical, sendo a área destinada a salas de instalacións, vestiarios e despachos. Pola contra, os demais espazos estarán integrados nun corpo de maiores dimensións revestido en placas de pedra granítica.
Segundo sinalou a Conselleira de Pesca, a superficie total construída ascenderá a 839,63 metros cadrados, sendo a útil de 740,14 metros cadrados, dos que preto de 310 metros repartiranse entre a sala de subhastas e a de clasificación. Así mesmo, ocuparán un espazo importante a sala de reexpedición, o despacho de administración da lonxa e as cámaras de conxelado xunto coa sala de estabulación de crustáceos.
Ademais, a responsable da Administración pesqueira galega anuncioulles aos socios da Confraría de Cangas que, en breve, a lonxa comezará a certificar navalla e percebe coa marca de calidade pescadeRías, de onde se non?, un marchamo posto en marcha polo seu departamento para promover e impulsar os produtos pesqueiros e marisqueiros do noso mar.
Outros investimentos
Aínda que a construción da nova lonxa constitúe, cun orzamento total próximo aos 2,1 millóns de euros, o principal investimento da Consellería de Pesca no Concello de Cangas, tamén hai que destacar outras achegas feitas polo departamento que dirixe Carmen Gallego dende o ano 2005 e que superan o millón de euros.
Esa partida distribúese entre as axudas destinadas a formación, asistencias técnicas, vixilancia, iniciativas de recuperación no marisqueo a pé ou equipamentos portuarios, entre outras actuacións.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.