
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, destacou que o certame Curtas na Rede demostra que o audiovisual galego ten canteira e aviva o compromiso do Goberno galego cos instrumentos que está a impulsar: o Consorcio Audiovisual de Galicia, o Centro Multimedia, a Rede de Telecentros de Comunicación e o Centro de Artes da Imaxe. Pérez Touriño sostivo que con estes vimbios, o audiovisual galego acadará unha importante presenza en todas esas novas plataformas e canles de difusión que se están a desenvolver a nivel mundial.
Así o asegurou o presidente durante a gala de entrega dos premios Curtas na Rede que organizou na Coruña a Secretaria Xeral de Comunicación en colaboración co Consello da Xuventude de Galicia. É a imaxe da Galicia interxeracional e innovadora á que aspiro e pola que traballa o meu Goberno; unha Galicia aberta e cohesionada, con inquedanzas e con futuro, con horizontes amplos e mentes adaptativas, sen fendas dixitais, manifestou.
Emilio Pérez Touriño remarcou que Galicia está a experimentar unha acción transformadora e de progreso, sustentada e inspirada nun modelo baseado no coñecemento, na innovación e na sustentabilidade. Neste sentido, asegurou que, a pesares da crise internacional orixinada nos mercados financeiros, nos próximos anos non minguará a aposta do Executivo autonómico polo desenvolvemento da I+D+i xa que, segundo valorou, non hai mellor xeito de sobreporse á crise que saír dela en Galicia cun modelo de crecemento baseado na educación e na formación continua; e orientado á ciencia, á innovación, á investigación e á cultura.
Para isto, o presidente da Xunta considerou imprescindible que todos os galegos acheguen ideas á comunidade e así, traballar en rede, en equipo, todos xuntos. Neste sentido, asegurou que desde o Goberno galego se busca esporear nos mozos e mozas galegos as calidades persoais que constitúen a base do espírito emprendedor: a creatividade, a iniciativa, a responsabilidade e a capacidade de afrontar riscos.
Durante a súa intervención, o presidente do Goberno autónomo subliñou que a multiculturalidade, a pluralidade, a inserción e a integración social son valores reflectidos no concurso Curtas na Rede. Da mesma forma, felicitou aos galardoados polo esforzo inventivo, a enerxía artística e a capacidade emprendedora, en definitiva, polo feito de que cada un deles dedique o seu talento á creación e á transmisión do coñecemento e do sentimento.
O presidente da Xunta estivo acompañado, entre outros, polo secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, a presidenta do Consello da Xuventude de Galicia, María Dolores Rodríguez Amoroso e o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias.
Relación de galardoados
A categoría estrela do concurso é a de curtametraxes, na que este ano participaron 90 proxectos. Os inscritos tiveron que realizar unha curta inédita que non excedera os cinco minutos de duración e que versara sobre as temáticas de inmigración, saúde e sexualidade e visións nosas/ visións alleas (temática libre). Ademais desta categoría, e coa mesma limitación e duración, este ano incorporouse a categoría de curtametraxes de animación de temática e xénero libre.
O presidente da Xunta entregou o premio á mellor curtametraxe en galego a Xabier Marqués Solla por Z. O premio á mellor curtametraxe en castelán recaeu en Suda Sánchez por Rutina. O galardón á mellor curta de ficción sobre saúde e sexualidade foi para Carlos Prado Pampín por Vellas, quen tamén se fixo co premio á mellor micromovie por Amén Señora e mellor dirección por Vellas. Na temática de ficción inmigración, o galardón foi para Marisa Otero López por Querida Xulia. Na categoría visións nosas/visións alleas déronse dous premios, un deles para Diego Valiño García por Love over e, o outro para Toño Chouza por Müchausen, quen tamén recibiu o premio do público á mellor micromovie por Contratempo.
No apartado documental, o premio para a mellor curta de saúde e sexualidade foi para Julia Vallés por Sexo seguro. A mellor curta documental na categoría visións nosas/visións alleas foi para Pablo Chouza por O camiño da Loureira.
O galardón pola curtametraxe máis orixinal foi para Pablo Penedo Naveira por Federico Lasalle. Así mesmo, o premio do público á mellor curtametraxe foi para Andrés González Tella por Qué lle pasa a Pepe Pistola?
Completan o concurso dúas categorías máis, a de micromovies e a de cápsulas. O galardón mellor cápsula de lingua entregóuselle a Alberto López Vázquez por Negras sombras. Hugo Ricardo Sousa fíxose co premio á mellor cápsula musical por Dreams in colour, así como co premio do público á mellor cápsula. O galardón da mellor cápsula promo foi para Juan Pedro Pérez por 404.
Na categoría de animación, o primeiro dos premios foi para Miriam Alberte por Caligarismo, o segundo para Andrés Carrera por 1491 e o terceiro para Raúl García por A xogada perfecta.
Andrés Cameselle e Amalia Touriño e Aurea García recibiron o premio á mellor interpretación masculina e á mellor feminina, respectivamente. O premio para a mellor bitácora, outra das modalidades do concurso, foi para Marcos Nine, mentres que o de mellor guións recaeu en Eduardo Pérez por Lavandeira.
Colaboradores
Para levar a cabo a edición deste ano, ademais dos organizadores, contouse coa colaboración de numerosas entidades. Así, participaron en Curtas na Rede 2008, a Secretaría Xeral de Emigración, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Dirección Xeral de Saúde Pública, a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, a Axencia Audiovisual Galega, o Consorcio Audiovisual de Galicia, a Compañía de Radiotelevisión de Galicia (programa Onda Curta), a Compañía R. Cable e Telecomunicacións Galicia S.A, a Deputación da Coruña, a Fundación Caixa Galicia, o Consejo de la Juventud de España (CJE), a compañía Siemens, a Fundaçao da Juventude e a participación do Eixo Atlántico.
Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.