Galicia é unha potencia forestal dentro do contexto europeo. Con estas palabras o conselleiro de Innovación e Industria precisou o potencial da industria da madeira no noso país, unha industria que en 2007 acadou unha cifra de negocio de preto de 2.500 millóns de euros e máis de 50.000 postos de traballo entre emprego directo e indirecto. Con este punto de partida, segundo expuxo Fernando Blanco na súa intervención nas V Xornadas Internacionais de Deseño e Arquitectura do Clúster da Madeira, o labor do Goberno Galego é consideralo como un sector estratéxico dentro da estrutura económica galega, polo cal se desenvolven, dixo, múltiples actuacións para o seu impulso dende distintos ámbitos.
O conselleiro nacionalista explicou as liñas de acción máis importantes do seu departamento postas en marcha nos últimos meses. Así, citou a recente constitución do Foro da Madeira, froito da colaboración da Consellaría de Innovación e Industria xunto coas de Medio Rural e de Vivenda e o sector empresarial, unha ferramenta que ten o obxectivo de explorar os novos usos comerciais da madeira e en concreto a súa aplicación na construción. No marco deste foro, segundo informou o conselleiro, impúlsanse proxectos para a promoción pública de construcións que poñen en valor a madeira galega e, en concreto, referiuse ás novas residencias de estudantes do Campus de Elviña e ás vivendas unifamiliares de Cotobade que fan da madeira do país o seu elemento estrutural básico. Por outra parte, diversas obras de rehabilitación en cascos históricos das cidades galegas están empregando este material como elemento característico, en colaboración co CIS Madeira, dependente da Consellaría de Innovación e Industria.
O titular nacionalista recordou tamén a política de I+D+i do Goberno galego canto ao sector forestal galego. Entre os proxectos de investigación e innovación tecnolóxica que apoia a Consellaría a través do Plan Galego de I+D+I no ámbito da madeira, o conselleiro salientou o que desenvolven o CIS Madeira e cinco empresas de segunda transformación. Denominado Ecoinnovación, este proxecto conta cunha axuda de 182.000 euros e constitúe un primeiro paso para acadar liñas de produtos a base de madeira onde a variable de respecto ambiental e as tecnoloxías limpas sexan claves e un elemento diferenciador.
O conselleiro de Innovación e Industria recordou que estas accións concretas de apoio ao sector da madeira se encadran na visión que se ten del como un eixe básico da economía e ao que se destinan liñas prioritarias de actuación. Proba disto son, segundo dixo, a colaboración co Clúster da Madeira, co que se asinou recentemente un convenio de colaboración por 580.000 euros, e o impulso á Plataforma Tecnolóxica da Madeira, que contou cun apoio de 350.000 euros da Consellaría dende a súa constitución.
Finalmente, Fernando Blanco dixo que o seu departamento tamén está a ter en conta o aspecto da formación especializada sobre construción en madeira dirixida a arquitectos e técnicos relacionados co sector. Ademais, informou de que a semana pasada deu comezo o Máster de Especialista en Deseño e Cálculo de Estruturas de Madeira, froito da colaboración da Universidade de Santiago e a Consellaría de Innovación e Industria a través do CIS Madeira. Preténdese con esta acción formativa, segundo dixo, seguir profundando nunha liña de sensibilizar, formar e investigar no eido da madeira e das súas múltiples utilidades, neste caso en relación coa construción. Por outra parte, Innovación e Industria impulsa diferentes publicacións como a Guía Técnica da Madeira Estrutural e o Código de boas prácticas da protección nas construcións de madeira, de utilidade á hora de aplicar o novo Código Técnico de Edificación.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.