Notas de prensa

O CDG estrea A boa persoa de Sezuán

Esta fábula amarga sobre a busca da bondade nunha sociedade corrupta supón a incorporación de Bertolt Brecht ao repertorio da compañía pública. O CDG fará unha xira galega de tres meses.

O Centro Dramático Galego (CDG) estrea este venres 24 ás 21.00 horas no Salón Teatro de Santiago A boa persoa de Sezuán, versión en galego da obra de Bertolt Brecht con dirección de Nuno Cardoso, un dos nomes destacados da nova escena portuguesa. Na primeira produción da temporada 2008-2009, a compañía pública incorpora o dramaturgo alemán ao seu repertorio a través desta fábula amarga sobre a busca da bondade nunha sociedade corrompida polos excesos capitalistas. Trala estrea en Compostela, onde ofrecerá dúas funcións máis esta fin de semana (sábado ás 21.00 h e domingo ás 18.00 h), o CDG iniciará unha xira galega de tres meses de duración cofinanciada pola AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) e a Fundación Caixa Galicia.
Para a montaxe de A boa persoa de Sezuán, Nuno Cardoso conta cun equipo artístico galego-portugués do que forman parte 12 actores e actrices (Rosa Álvarez, César Cambeiro, Antón Coucheiro, Mónica García, Rocío González, Roberto Leal, Rebeca Montero, Marta Pazos, Alberto Rolán, Machi Salgado, Toni Salgado e Hugo Torres), así como Fernando Ribeiro (deseño do espazo escénico), José Álvaro Correia (iluminación), La Canalla (vestiario) e Víctor Hugo Pontes (axudante de dirección e movemento). Fran Pérez “Narf” foi o encargado de poñer música ás cancións que interpreta o elenco, e Frank Meyer da tradución do texto ao galego.

Proceso creativo

O director portugués optou por un proceso creativo similar ao que seguiu nos seus últimos espectáculos –como o Platónov, de Chéjov, que estreou o pasado mes de xullo no Teatro Nacional São João de Porto–, asentados nunha coidada plasticidade e nunha esixente labor actoral que bota man de diferentes linguaxes interpretativas que van dende as formas máis clásicas ata un traballo físico próximo á danza. Partindo do interese de Cardoso pola “investigación sobre a acción como un todo orgánico”, no que se dilúen as barreiras entre o teatro falado e o representado, o seu traballo cos actores comezou en Compostela hai máis de dous meses cunha primeira fase de análise dramatúrxica durante a que se abordou a obra de Brecht dende a interacción e as improvisacións. Elaborouse así unha linguaxe común a todo o equipo artístico a partir da que se construíu o espectáculo que chega agora aos escenarios galegos.

Bertolt Brecht escribiu A boa persoa de Sezuán no seu exilio estadounidense durante a II Guerra Mundial. Esta “obra a modo de parábola”, como foi definida polo propio autor, conxuga algúns dos trazos máis característicos do teatro brechtiano para cuestionar a posibilidade de vivir xustamente nunha sociedade inxusta, nun mundo de paradoxos e extremos no que hai ricos fronte a pobres, patróns fronte traballadores.
A versión do CDG sitúa o espectador nun ambiente urbano totalmente degradado, dominado polo asfalto e as omnipresentes luces de neon. A obra comeza coa baixada a Sezuán de tres deuses –aquí encarnados por personaxes ben recoñecibles da cultura popular contemporánea– coa esperanza de atopar persoas que sigan os seus ditados, isto é, persoas boas e xustas capaces de transformar a sociedade. A primeira que descobren é a única que os acolle, Xan Te, unha prostituta á que premian financiándolle outro medio de vida: un pequeno estanco. Pero os habitantes de Sezuán non tardarán en tirar proveito das boas intencións da moza, polo que esta, abafada polo acoso, decide facerse pasar polo seu curmán imaxinario, Xui Ta, que, con enorme frialdade, expulsa a todos os que queren vivir a conta do seu sacrificio.

Temporada no Salón Teatro

Con A boa persoa de Sezuán, o CDG modifica o seu habitual programa de exhibición de xeito que, trala estrea en Santiago esta fin de semana, dará comezo unha xira que se prolongará ata o mes de febreiro e no transcurso da que regresará a Compostela para facer temporada na súa sede do Salón Teatro, a partir do 26 de novembro. Para o desenvolvemento desta xira, conta coa colaboración da Fundación Caixa Galicia que, en virtude do convenio asinado coa AGADIC, achega 300.000 € para a distribución dos espectáculos producidos este ano tanto polo Centro Dramático Galego como polo Centro Coreográfico Galego.

A compañía pública ofrecerá un total de 44 funcións –15 delas escolares– de A boa persoa de Sezuán en 12 localidades de toda Galicia: ademais de Santiago, Carballo (dentro do Festival Internacional Outono de Teatro, 31 de outubro), A Coruña (Teatro Rosalía de Castro, do 5 ao 8 de novembro), Tui (Teatro Área Panorámica, 14 e 15 de novembro), Lugo (Auditorio Gustavo Freire, 22 de novembro), Vigo (Centro Cultural Caixanova, 27 e 28 de decembro), Narón (Pazo da Cultura, 9 e 10 de xaneiro), Pontevedra (Pazo da Cultura, 16 e 17 de xaneiro), Ourense (Teatro Principal, do 21 ao 24 de xaneiro), Ferrol (Teatro Jofre, do 28 ao 31 de xaneiro), O Barco (Teatro Lauro Olmo, 5 e 6 de febreiro) e Vilagarcía de Arousa (Auditorio Municipal, 12 e 13 de febreiro).

Pola súa banda, o Salón Teatro de Santiago acollerá cinco funcións semanais da montaxe entre o 26 de novembro e o 14 de decembro: os mércores e xoves celebraranse as representacións concertadas con centros de ensino ás 10.30 horas, mentres que as dirixidas ao público xeral terán lugar os venres e sábados ás 20.30 horas e os domingos ás 18.00 horas. Tanto para estas funcións como para as da vindeira fin de semana, as entradas poranse á venda no despacho de billetes do teatro dende dúas horas antes do inicio do espectáculo. Tamén poden adquirirse na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros o sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros o domingo, día do espectador.

Gabinete de Comunicación de Agadic, 2008-10-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260608-parlamento.jpg) Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
Foto de la tercera plana (vivenda-2023-02.jpg) A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.

Notas

O XX aniversario do Festival Arteficial segue collendo forma de xeito inmellorable. Tras os encontros e concertos celebrados a finais de mayo na provincia de Ourense, a organización fai un balance extraordinario da acollida do público. Cidades e espazos singulares como Auriense, El Pueblo, Secret Bridge e, de forma moi especial, a Granxa D'Outeiro, foron as testemuñas do éxito absoluto destas presentacións.
Dar resposta aos retos derivados do envellecemento da poboación nas áreas rurais da fronteira entre España e Portugal é o obxectivo central do proxecto Activa Rural Transfronteirizo, no que participan 17 institucións e entidades destes dous países, entre as que se atopa a Universidade de Vigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES