Notas de prensa

Pesca publica as axudas para a frota galega da costeira do bocarte

A Administración pesqueira galega destina case 800.000 euros para os armadores ou propietarios de barcos con porto base en Galicia que realicen paralizacións temporais entre o 25 de abril e o 30 de outubro deste ano.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) a Orde do 24 de setembro de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para a concesión de axudas a armadores ou propietarios con buques con porto base en Galicia como consecuencia da paralización temporal da frota que pesca na costeira do bocarte.

Segundo a devandita normativa, estas indemnizacións outorgaranse polas
paradas realizadas entre o 25 de abril e o 30 de outubro deste ano, ata un máximo de 40 días, se ben este prazo poderá ser prorrogado, de ser o caso, á vista da evolución da pesquería. Para esta medida, a Administración pesqueira galega destinará un total de 790.000 euros con cargo aos Orzamentos Xerais de Galicia, que serán cofinanciados polo Fondo Europeo de Pesca nun 61 por cento.

Desta convocatoria poderán beneficiarse armadores ou propietarios de
buques con porto base en Galicia inscritos no Censo da Frota Pesqueira
Operativa, que pertenzan á modalidade de cerco Cantábrico Noroeste e que estiveran autorizados a pescar na costeira do bocarte entre o 1 de abril e o 30 de xuño deste ano. Ademais, é preciso que as embarcacións traballaran con arte de cerco en 2006 ou 2007 e deberán cesar a súa actividade pesqueira entre o 25 de abril e 30 de outubro.

A contía das axudas determinarase en cada caso en función dos días que
paren os buques, que en ningún poderán ser máis de 40, e as paradas poden realizarse ata en tres períodos: un único prazo de 40 xornadas; dous períodos de 20 días; dous períodos de 10 e 30 días ou viceversa; ou tres prazos dos que ningún deles será inferior ás 10 xornadas.

De cara aos efectos de paralización serán computables os días
efectivamente parados en que o buque permanece amarrado a porto e
entregado o rol en Capitanía Marítima, as xornadas de entrega e retirada
do rol e os días de tránsito dende o caladoiro ata o porto. Pola contra,
as axudas son incompatibles co exercicio da actividade profesional noutras modalidades de pesca durante o prazo de parada así como a percepción doutras subvencións ou ingresos para a mesma finalidade.

En canto ao prazo de presentación de solicitudes será dun mes que se
contará desde a publicación da orde no Diario Oficial de Galicia para os
buques que parasen antes de saír a normativa no DOG, mentres que para as peticións correspondentes a paradas posteriores será desde a finalización das mesmas.

Entidade colaboradora

De cara á xestións destas axudas a Federación Galega de Confrarías actuará como entidade colaboradora para o que subscribirá un convenio de colaboración coa Consellería de Pesca no que se establecerán as condicións e obrigas asumidas por cada unha das partes.

Así, a entidade colaboradora comprobará e acreditará o cumprimento das
condicións e requisitos determinanantes para a concesión das subvencións e, unha vez realizadas esas comprobacións remitiralle á Dirección Xeralde Estruturas e Mercados da Pesca unha certificación na que constará a relación dos beneficiarios desta convocatoria.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2008-09-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES