Notas de prensa

Pesca solta 1.350 alevíns de lumbrigante en Lira

Técnicos do Instituto Galego de Formación en Acuicultura liberaron exemplares de oito a nove meses de vida e cunha talla media de sete centímetros.

Técnicos do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), dependente da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, realizaron a solta de 1.350 alevíns de lumbrigante na costa de Lira, no concello coruñés de Carnota. Os exemplares, cunha talla media de sete centímetros e de entre oito e nove meses de vida, foron liberados ao sur da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro “Os Miñarzos”, concretamente nas proximidades da praia de Simpron.

Esta acción, enmarcada no Plan de Repoboación de Especies Mariñas no Litoral Galego, posto en marcha pola Administración pesqueira galega en 2005, constitúe a segunda solta de xuvenís de lumbrigante realizada en 2008 e permite elevar a preto de 9.000 as unidades desta especie introducidas no litoral da nosa comunidade. Ademais, hai que lembrar que en toda a costa galega xa foron soltados 25.000 exemplares de rodaballo.

Para levar a cabo o cultivo destes lumbrigantes, recóllense no medio natural femias ovadas que se mesturan con outras que son fecundadas nas propias instalacións do Igafa. As larvas naceron, neste caso, entre os meses de decembro de 2007 e xaneiro deste ano e o seu preengorde realizouse en batea ata que acadaron a talla ideal para a súa solta no mar.

Posteriormente, os exemplares son marcados cunha etiqueta magnética e codificada dun milímetro de tamaño, que se introduce no seu interior e que dá un sinal positivo ao seu paso por un detector de metais. Unha vez marcados, os lumbrigantes xa están preparados para poder ser soltados.

Os técnicos do Igafa encargaranse agora de facer un seguimento exhaustivo dos alevíns liberados no medio natural mediante a realización de mostraxes periódicas, aínda que haberá que agardar un par de anos para ter resultados definitivos do proxecto. Non entanto, calcúlase que hai exemplares soltados anteriormente que en breve poderían comezar a quedar retidos nas nasas, polo que técnicos do Igafa están informando ao sector para que presten a súa colaboración en caso de capturar algún destes individuos.

A esta solta seguirá outra ao longo do actual exercicio, de forma que para 2008 está previsto liberar un total de 5.000 exemplares de lumbrigante en tres quendas. Esto permitirá acadar a cifra de 11.000 alevíns desta especie introducidos na costa galega.

Accións de repoboación dende 2005

Coa actuación desenvolvida hoxe en Lira, a Consellería de Pesca dá un paso máis na aplicación do Plan de Repoboación de Especies Mariñas no Litoral Galego, posto en marcha en outubro de 2005, e co que se introduciron ata o momento no medio natural un total de 25.000 exemplares de rodaballo, así como 9.000 xuvenís de lumbrigante.

Con esta acción estratéxica, o departamento que dirixe Carmen Gallego quere xestionar e mellorar a situación de certas pesqueiras que sufriron nos últimos anos un descenso importante no seu número de capturas. Así, coas soltas previstas para este ano, ademais dos 11.000 xuvenís de lumbrigante preténdese acadar os 34.000 exemplares de rodaballo.

A primeira experiencia deste tipo levouse a cabo en outubro de 2005 na praia de Lago (Muxía) coa solta de 10.000 alevíns de rodaballo. A esta solta seguiron outras máis realizadas ao longo de 2006, 2007 e 2008. Pola súa parte, a solta de lumbrigantes comezou en marzo do ano pasado, coa liberación de 3.100 unidades desta especie en augas da Reserva Mariña “Os Miñarzos” en Lira.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2008-09-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES