A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos convocou en San Caetano, unha reunión de urxencia con representantes de Pladimega, Arousa Norte e Asociación Virxe do Rosario para tentar buscar unha solución á situación actual do sector mexilloeiro.
O departamento de Pesca, dende o inicio do conflito entre estes profesionais, mantivo un papel de mediador entre as partes. Deste xeito, celebráronse ata o de agora un total de catro de xuntanzas, aínda que sen resultado positivo. En todo caso, dende a Consellería de Pesca, considérase que as asociacións do sector teñen máis cousas en común que diferencias.
A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, con motivo da súa visita institucional ao Concello de Ferrol, condenou os incidentes producidos esta fin de semana e hoxe mesmo en Arousa, e manifestou que este tipo de actos o único que fan é desprestixiar a imaxe do sector e non favorecen a súa organización.
Sobre isto, tamén engadiu que lle corresponde ás forzas e corpos de seguridade do Estado manter a seguridade e a tranquilidade en todos os ámbitos, incluído o do sector mexilloeiro, así como investigar estes incidentes.
Carmen Gallego tamén explicou que o seu departamento, a través do director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, está en contacto permanente con todas as asociacións do sector.
Finalmente, a titular de Pesca pediulle aos bateeiros que se senten a dialogar para poder chegar a un acordo entre eles. Este é o obxectivo que busca a xuntanza convocada para mañá na Consellería de Pesca.
CC OO insta a Xunta a que interveña no conflito entre as empresas conserveiras e os bateeiros do mexillón
No tocante ao conflito entre os bateeiros e as empresas conserveiras, a Federación Agroalimentaria de Comisións Obreiras de Galicia (CC OO) quere alertar a opinión pública de que hai un colectivo prexudicado que é «absolutamente inocente» e que non ten por que sufrir as consecuencias do enfrontamento. Este colectivo é o dos traballadores e traballadoras das empresas conserveiras e cocedeiros de mexillón, integrado por unhas dúas mil persoas, das que a maioría son mulleres.
Diante da escalada de tensión neste conflito, CC OO urxe ás consellarías de Traballo e de Pesca a que convoquen «con carácter de urxencia» unha xuntanza na que se adopten as medidas necesarias que protexan o colectivo.
A Federación Agroalimentaria sinala que o enfrontamento fai que estas dúas mil persoas estean a «graves prexuízos», como son a perda de salarios, «xa de por si escasos, pois só traballan uns seis meses ao ano e no que vai de campaña a penas uns cantos días»; a perda de cotizacións por desemprego o que implica menores ingresos por esta vía para este ano e o vindeiro; e a parda de cotizacións á Seguridade Social, o que traerá maiores trabas para o acceso á xubilación e outras prestacións.
Por último, a Federación Agroalimentaria quere lembrar que CC OO non se posiciona sobre os motivos que deron lugar ao conflito, senón que reclama que as administracións teñen en conta os intereses dos traballadores e traballadoras e así adopten «as medidas necesarias para contrarrestar os prexuízos que sofren». No caso de que a Xunta non adopte medidas, o sindicato non descarta convocar mobilizacións dado a «situación insostible» á que se está a chegar.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.