Notas de prensa

USC e Tecnocom colaboran na promoción da sociedade do coñecemento entre os universitarios

Asinaron o primeiro protocolo específico para o desenvolvemento dun premio fin de carreira e dunha serie de bolsas de formación profesional que a empresa Tecnocom ofrece aos recén titulados da USC e durante tres meses.

O reitor da USC, Senén Barro, e o director rexional para a zona noroeste da empresa Tecnocom, Telecomunicacións e Enerxía, Santiago Cárdenas Botas, asinan en San Xerome un convenio marco que rexerá as futuras colaboracións que conxuntamente decidan emprender. Ao acto asistiron ademais o director da Escola Técnica Superior de Enxeñaría, Juan Manuel Lema, e outros responsables do centro.

Con esta iniciativa pretenden traballar na promoción do desenvolvemento da sociedade do coñecemento a través dunha formación especializada nas Tecnoloxías da Información (TIN), estimulando ademais o avance da formación universitaria mediante a adopción das últimas innovacións neste sector, ao tempo que tentarán achegar a formación dos futuros profesionais universitarios ás necesidades do mercado potenciando así a súa empregabilidade.

Para acadar estes obxectivos cooperarán no deseño dos programas de titulacións de grao e posgrao no ámbito das TIN e realizarán accións conxuntas que fomenten o uso de novas tecnoloxías e metodoloxías de desenvolvemento de proxectos por parte dos universitarios. Neste senso, Tecnocom colaborará coa Aula Profesional da Escola Técnica Superior de Enxeñaría impartindo formación complementaria aos estudantes. A este respecto, a empresa estuda a posibilidade de crear unha Aula Tecnocom con obxectivos similares á anteriormente citada.

Por outra banda, e co fin de formar profesionais creativos e innovadores, Tecnocom colaborará coa USC na formación de formadores en elementos innovadores de interese educativo.

Premio e bolsas de prácticas

No mesmo acto, ambas as dúas partes asinaron o primeiro convenio específico para o desenvolvemento dunha serie de iniciativas conxuntas encamiñadas á promoción do uso das TIN no ámbito docente e de investigación universitaria. Así, acordaron a convocatoria do Premio ao mellor Proxecto Fin de Carreira dotado con 1.500 euros na titulación de Enxeñaría Técnica en Informática de Sistemas. Ademais, Tecnocom ofertará entre unha e dez bolsas de formación profesional de tres meses de duración para recén titulados da USC.

Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2008-09-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES