
O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, mantivo unha reunión de traballo con representantes do comercio do país para analizar a evolución do sector comercial nos últimos anos e no que vai do presente 2008. O titular nacionalista informou logo desta reunión, á que asistiron José María Seijas, presidente da Federación Galega do Comercio, Xosé Bangueses, presidente do Foro Galego do Comercio e Xavier Pérez Bello, vicepresidente da Federación de Autónomos de Galicia (FEAGA), que a Consellaría de Innovación e Industria porá en marcha unha serie de mecanismos que conxuntamente consideraron necesarios para a boa marcha do comercio nunha situación que o conselleiro valorou como moi complexa.
Neste sentido, o conselleiro deu a coñecer os últimos datos da evolución do comercial no país, que reflicten unha baixada media de vendas de entre o 15 e o 20% como consecuencia da crise económica e das condicións climatolóxicas no caso do téxtil e do calzado. Por outra parte, tanto o número de comercios como o emprego mantén os niveis dos últimos anos, cun comercio máis que no ano 2005 e un 6,4% máis de emprego.
Segundo explicou Fernando Blanco, o seu departamento axilizará todo o posíbel o proxecto de Lei de Comercio Interior de Galiza, unha medida que os comerciantes consideran necesaria xa que entenden que esta Lei será unha boa ferramenta, dixo o conselleiro, de cara ao futuro.
Por outra banda, a Consellaría de Innovación e Industria traballará conxuntamente co IGAPE e co propio sector comercial para o establecemento de liñas de financiamento específicas e ademais, iniciará reunións coa coas entidades financeiras públicas de Galiza para conseguir pola súa parte unha actitude máis proactiva dentro do sector do comercio co obxectivo, segundo dixo o titular da Consellaría, de garantir a pervivencia e a continuidade no tempo do sector.
Por último Fernando Blanco informou de que Innovación continuará apostando polo desenvolvemento de campañas de comercio e plans de formación e mellora da calidade, calidade que constitúe, ao seu xuízo, a baza competitiva do pequeno comercio.
O conselleiro asegurou que estas medidas, xunto co esforzo dos comerciantes e a confianza de que estamos afrontando unha crise que pasará como todas as crises, conseguirase que os comercios estean ben posicionados e teñan capacidade para medrar de cara ao futuro. Nese sentido, o conselleiro dixo que no sector hai optimismo para enfrontarse a unha situación moi complexa que require dun traballo conxunto entre a iniciativa privada e a administración para definir e analizar continuamente como enfrontarse da mellor maneira posible a ela.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.