Notas de prensa

Inaugurado o novo edificio multiusos no porto de Pontedeume

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos achegou preto de medio millón de euros para a execución desta infraestrutura, que albergará a nova lonxa e as dependencias da Confraría de Pescadores da localidade.

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, acompañada polo director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, José Manuel López Rodríguez, e pola delegada territorial na Coruña, Rosa Liaño Pedreira, inaugurou o novo Edificio Multiusos construído no porto pesqueiro de Pontedeume para o uso da Confraría de Pescadores desta localidade. Esta infraestrutura albergará unha lonxa e as novas dependencias para o pósito eumés. Para a realización desta obra, a Administración pesqueira galega achegou preto de 500.000 euros, unha contía á que hai que engadir outras partidas destinadas a diferentes investimentos no mesmo porto como unha máquina hidrolimpadora e unha báscula de pesaxe.


A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos achegou un total de 486.654,77
euros para a construción deste edificio co que se pretendeu seguir a
mesma liña do edificio de departamentos de usuarios executado
recentemente por Portos de Galicia para os mariñeiros da zona. Deste
xeito, dúas infraestruturas independentes se converten en edificios
anexos e integrados xa que foron construídos con materiais similares para
manter a mesma estética e adecualos mellor ao entorno portuario. Ademais,
con esta actuación dótase ao porto pesqueiro de Pontedeume dunhas
instalacións que terán como usos principais os de lonxa, almacén,
vestiarios e dependencias para a Confraría de Pescadores.


A superficie total construída do Edificio Multiusos, que consta de dúas
alturas, é de 542,15 metros cadrados, mentres que a superficie útil é de
470,06 metros cadrados. Na planta baixa, de 295,30 metros cadrados
útiles, atópase a lonxa e a zona de subhasta, a oficina da lonxa, o
espazo para a cámara frigorífica, unha sala de caldeiras, dous amplos
almacéns, así como un aseo adaptado e os vestiarios feminino e masculino.
Pola súa banda, a planta primeira albergará as dependencias da Confraría
de Pescadores de Pontedeume que disporá de tres despachos, unha área de
atención ao público, un arquivo, unha sala de reunións e dous aseos.


As novas instalacións do porto de Pontedeume son froito do empeño do
departamento que dirixe Carmen Gallego por mellorar as infraestruturas
portuarias adscritas á nosa comunidade autónoma, co fin de que os
profesionais do mar teñan unhas mellores e máis doadas condicións de
traballo.

Outras actuacións

Aínda que o orzamento para a construción do Edificio Multiusos supón un
dos investimentos máis importantes realizados pola Consellería de Pesca
no porto pesqueiro de Pontedeume, tamén son de destacar outras actuacións
levadas a cabo para beneficio dos profesionais do mar desta zona. Así, a
Administración pesqueira galega dotou ao pósito eumés dunha máquina
hidrolimpadora para a zona de varadas, así como unha báscula de pesaxe
con capacidade para 300 quilos, por un importe de 6.711,76 euros.


Así mesmo, o departamento que dirixe Carmen Gallego ten en estudo para
este ano 2008 a adxudicación dun novo carro varadoiro sobre raíles para a
confraría e que ten un orzamento aproximado de 60.000 euros.

Rexeneración da Enseada

Ademais disto, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e a Confraría
de Pescadores de Pontedeume veñen de asinar un convenio no que se
establecen as condicións de colaboración para a posta en marcha dun
proxecto de rexeneración parcial dun banco natural de moluscos bivalvos
situado na Enseada desta localidade coruñesa. Para o desenvolvemento
desta iniciativa, Pesca achegará algo máis de 117.000 euros.


Esta actuación obedece a que se ten constatado un enlodamento dalgunhas
áreas na Enseada de Pontedeume, unha das zonas marisqueiras explotadas
pola confraría, o que imposibilita a fixación e o crecemento de especies
tradicionais de elevado valor comercial como a ameixa fina, que son
desprazadas por recursos con escaso interese para os mariscadores. En
anos anteriores, e baixo a dirección de técnicos da Consellería de Pesca,
xa se desenvolveron actividades para a rexeneración de parte da Enseada,
de modo que agora presentan unha grande capacidade de captación de
semente e unha elevada produtividade de diferentes especies.


Á vista dos resultados, o departamento que dirixe Carmen Gallego e o
pósito eumés acordaron ampliar as actuacións a unha nova área de
aproximadamente 4.400 metros cadrados, denominada Croa Grande, anexa á
superficie xa rexenerada, así como a outra zona de 2.500 metros cadrados,
denominada Viveiro e Cultivo, no espazo que se atopa en produción
actualmente, co obxectivo de mellorar as súas condicións.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia , 2008-07-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES