
Samertolameu non deu opcións aos seus rivais e volveu levarse a bandeira na oitava proba da Liga Galega de Traiñeiras. A III Bandeira Concello de Muros, celebrada no peirao de Esteiro e organizada polo Concello e a A.D. Esteirana, deixou un novo recital dos de Meira, que só viron perigar a vitoria nos primeiros longos. Tras eles remataron os vigueses de R.C. Náutico de Vigo e o C.R. Rianxo. Chapela, campión a pasada semana, non puido pasar da cuarta posición, unha máis arriba que C. Regatas Perillo.
Ás 11.30 horas deu comezo a competición. C.R. Vilaxoán, C. R. San Felipe, Amegrove C. R., C.R. Coruxo, e C. M. Bueu formaron unha primeira quenda de cinco embarcacións, por ausencia de C.R. Vila de Cangas. Na primeira virada, Amegrove entrou en cabeza, seguido de preto por Coruxo e Bueu. Coruxo, ao igual que pasara na Bandeira do Grove, aproveitou unha baixada de rendemento de Amegrove e tomou vantaxe na terceira virada. Finalmente, os coruñeses conseguiron levarse a quenda, seguidos de Amegrove, Bueu, Vilaxoán e San Felipe.
C. R. A Cabana, C. R. Ares, C. R. Puebla, A. D. Esteirana e C. Regatas Perillo foron os seguintes en competir, na segunda quenda. Perillo saiu forte e marcou o mellor tempo de toda a regata na primeira virada, mesmo mellor cos da terceira quenda. Porén, xa na terceira virada, Esteirana tomou vantaxe, pero foi un simple espellismo, xa que os oleirenses conseguiron levarse a quenda nun bo último longo. Esteirana foi segunda, Ares terceiro, Puebla cuarto e A Cabana quinto.
A última quenda saíron os mellores da Liga. C. R. Rianxo, S. D. Samertolameu, R. C. Náutico de Vigo, C. R. Chapela e C. R. Mecos comezaron a proba cun pouco máis de vento en contra que o resto das embarcacións. Samertolameu púxose axiña en cabeza e Náutico seguíalle de preto; Rianxo, Chapela e Mecos tamén presionaban na primeira virada. Mecos conseguía poñerse segundo na segunda virada, pero pronto Náutico recuperaba a posición e Rianxo os sobrepasaba. Chapela levou a cola da quenda, pero logrou remontar unha posición en detrimento de Mecos no último longo. Finalmente, Samertolameu levouse a quenda, seguido de Náutico de Vigo, Rianxo, Chapela e Mecos.
Deste xeito, Samertolameu, cun tempo de 19:50:50, adxudicouse a proba, e recibiu a bandeira de mans de Laura Eiras, concelleira de deportes do Concello de Muros. Náutico de Vigo mellorou a posición acadada en Poio e foi segundo. Terceiro quedou Rianxo, por diante de Chapela, cuarto, e Perillo, quinto.
Incidencias: C.R. Vila de Cangas non participou na III Bandeira Concello de Muros e anunciou a súa retirada da Liga Galega de Traiñeiras, polo que a partir de agora todas as probas do campionato quedarán constituídas por un total de tres quendas.
DECLARACIÓNS
Ramón Moncho García, adestrador de C.R. Rianxo: A regata podía ter sido mellor; estamos facendo unha boa progesión, pouco a pouco imos mellorando e sentímonos máis cómodos; Non tivemos a mesma remada que nas anteriores regatas, temos queintentar acoplarnos mellor; En Coruña temos que intentar gañar a Náutico, aínda que está moi forte e será difícil.
Benito Telesforo Foro Abal, patrón do R.C. Náutico de Vigo: Fixemos unha saída moi boa e as primeiras viradas foron favorables, pero Meira non dá lugar á sorpresa Entón, optamos por manternos e asegurar a segunda praza, aínda que por momentos e pola orientación do campo de regatas chegamos a pensar que optabamos á vitoria; A vindeira fin de semana, na Bandeira Teresa Herrera, afrontamos unha regata en mar aberto, unha circunstancia que non se nos dá de todo ben. De todos xeitos, imos chegar á cita con moito optimismo, iso non pode faltar.
José Ferral, adestrador de S.D. Samertolameu: Foi unha regata complicada; despois dunha semana con tres probas tres días seguidos, estabamos obrigados a cambiar xente para dar descanso aos demais, e saiu moi ben; Na fin de semana tentaremos clasificarnos para a regata Teresa Herrera, pois pode pasar de todo, e iremos a gañar o domingo. Durante esta semana tentaremos recuperar as forzas despois do esforzo da semana: canto máis frescos cheguemos á cita, moito mellor.
Hugo Pérez, patrón de C.R. Chapela: Foi difícil, non conseguimos meternos en regata ata o terceiro longo e pagámolo moito; Non creo que o feito de participar en tres regatas esta semana afectase ao noso rendemento, Meira e Náutico tamén estiveron no Campionato Galego e onte en Poio e non frouxearon. Ademais, a pasada semana nós fomos a Castropol, cousa que outras embarcacións da Liga non fixeron, e gañamos no Grove; A Coruña imos a gañar, unhas veces sae e outras non, pero ante todo temos optimismo; tentaremos recuperar aos dous lesionados destas tres regatas para tentar chegar con máis efectivos á cita.
Abel Illanes,adestrador de C.Regatas Perillo: Sentímonos moi cómodos; sorbemos defender a nosa manga e colocámonos por diante de Mecos, que saiu na terceira quenda. Ademais, non fomos forzados en ningún momento; A Bandeira Teresa Herrera é a nosa; levamos adestrando no campo de regatas durante varios días e xa lle temos collida a medida. Quizais non teñamos tanto potencial como outros equipos, pero estamos funcionando ben cunha mestura de experiencia e xente xove. Estamos convencidos de que podemos conseguir a vitoria e comezar con éxito o mes de agosto.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.