
Galicia incrementou por terceiro ano consecutivo a súa taxa de actividade emprendedora (TEA), situándose no 7,64%, fronte a un 5,94% en 2006. Ademais, a TEA galega medrou por riba da media española, que acadou o 7,62% o pasado ano. Estes datos foron expostos polo conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, na presentación do Informe Executivo GEM Galicia 2007, o cal ten por obxecto a análise da actividade emprendedora nun marco internacional. A edición deste ano é a número tres do Informe GEM para a nosa comunidade, no que participa activamente a Consellería de Economía e Facenda a través do Centro Europeo de Empresas e Innovación de Galicia (BIC Galicia). Os resultados deste informe son froito do traballo da Confederación Galega de Empresarios (CEG) e da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que colaboraron conxuntamente con BIC Galicia para dar á luz a este novo informe.
Un dos datos máis significativos nos que fixo fincapé Fernández Antonio é que Galicia ocupa a segunda posición en canto á porcentaxe de iniciativas consolidadas, así como que a figura do emprendedor está cada vez mellor valorada social e profesionalmente en Galicia.
Galicia emprendedora
O conselleiro explicou que o Informe amosa que en Galicia se emprende fundamentalmente para aproveitar oportunidades de negocio. Ademais, nesta nova edición do Informe cómpre salientar que o perfil do emprendedor se está universalizando, polo que xa non podemos falar dun único tipo de persoa emprendedora. Ponse de manifesto que o número de mulleres emprendedoras estase incrementando cada vez máis neste ámbito que antigamente estaba practicamente restrinxido ós homes.
A figura do emprendedor cobra especial importancia no contexto económico actual no que nos atopamos, explicou Fernández Antonio, xa que constitúe un motor esencial para o crecemento e desenvolvemento económico, ademais de constituír unha fonte de ideas e proxectos innovadores. Nos momentos de máis crise aparecen máis oportunidades de investimento apuntou o Conselleiro de Economía e Facenda- e lembrou que a Xunta non deixará sen financiamento ningún proxecto viable.
Fomento do investimento empresarial e do espírito emprendedor
Fernández Antonio tamén aludiu ao Acordo pola Competitividade de Galicia 2008-2011, asinado polo Presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, e os axentes sociais o pasado 7 de xullo. Segundo dixo, unha das súas medidas é o fomento do investimento empresarial e do espírito emprendedor. Esta medida, segundo explicou, contempla accións de sensibilización para fomentar a capacidade emprendedora, entre as que destacou os programas de divulgación no ámbito educativo; os programas que faciliten o acceso ao capital por parte dos emprendedores; o apoio material e técnico no proceso de creación de empresas,; e a promoción da participación privada e de empresarios na creación de novas empresas e no impulso de iniciativas como viveiros de ideas, redes de investidores privados ou programas chave en man para os novos proxectos. O conselleiro de Economía sinalou que a economía galega precisa estímulos dende a Administración Pública pero non só iso, senón que tamén é necesario a confianza dos seus empresarios á hora de abordar novos retos e investir.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.