Notas de prensa

Reunión extraordinaria do Consello Galego de Pesca

Analizouse a proposta de regulamento da Comisión Europea polo que se aproban as accións dirixidas ao sector pesqueiro como consecuencia do incremento do prezo do combustible.

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, presidiu unha nova reunión extraordinaria do Pleno do Consello Galego de Pesca, integrado pola Administración, o sector e os sindicatos, na que se analizou a proposta de regulamento da Comisión Europea (CE) polo que se aproban as accións dirixidas ao sector pesqueiro como consecuencia do incremento do prezo do combustible e que será debatida no Consello de Ministros da UE o 15 de xullo.

Con esta xuntanza dase cumprimento ao compromiso adquirido pola Conselleira na anterior reunión do Consello Galego de informar ao sector das novidades que se vaian producindo. Neste caso, no encontro procedeuse a analizar a proposta que, tal e como manifestou a titular de Pesca, aínda non é definitiva, polo que haberá que agardar ata á súa aprobación a vindeira semana para avaliala máis en profundidade.

Non entanto, a responsable da Administración pesqueira galega manifestou que unha das medidas que máis poderían interesar ao sector son as paradas temporais financiadas, de tres meses de duración e dirixidas a tripulantes e armadores, que poderían empezar a contar dende o 1 de xullo e abranguer ata o 31 de decembro de 2009. Neste punto, Carmen Gallego indicou que existen dúas dificultades para a súa posta en práctica. A primeira delas é que só van dirixidas aos segmentos de frota que tiveron durante 2007 un gasto en combustible que representou, polo menos, o 30 por cento dos seus custos de explotación, o que unicamente beneficiaría aos segmentos de arrastre, Gran Sol, litoral e Nafo.

A outra condición é o feito de que os sistemas de adaptación da frota que se elaboren para facer esas paradas temporais terán que levar consigo unha redución permanente da capacidade da frota dun 30 por cento. A Conselleira explicou que esta medida, se se aplica sen ter en conta os condicionantes que se están propoñendo dende Galicia e dende España, sería inasumible, xa que, na súa opinión, non é posible levar a cabo a revisión proposta. Segundo indicou Gallego, os gobernos central e autonómico están a traballar para que a CE inclúa dentro do regulamento algunhas medidas que van na liña da agrupación de segmentos da frota ou de portos para poder acceder ás paradas temporais.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia , 2008-07-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES