
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, reuniuse co director da Axencia Comunitaria de Control da Pesca, Harm Koster, quen lle agradeceu ao xefe do Executivo autonómico a colaboración da administración galega para a apertura en Vigo da sede da Axencia Europea. Durante a xuntanza, tanto Emilio Pérez Touriño como Harm Koster subliñaron a estreita colaboración existente entre a Xunta e a propia Axencia no traballo previo para lograr que esta institución puidese abrir as súas portas en Vigo.
A este respecto, ambos destacaron o bo facer do grupo de traballo que se constituíu entre o Goberno de España, a Xunta de Galicia, o Concello de Vigo e a Axencia. Ese grupo, que ten previsto reunirse de novo o vindeiro 14 de xullo, veu desenvolvendo ao longo dos dous últimos anos unha serie de reunións para ultimar a apertura da sede deste organismo na cidade olívica.
Traballo para a integración dos funcionarios e os seus fillos
Na mesma liña, Harm Koster trasladoulle a Emilio Pérez Touriño o seu agradecemento polo esforzo realizado pola Xunta para integrar aos funcionarios da Axencia Comunitaria e aos seus fillos na sociedade e no sistema educativo galego. A este respecto, Pérez Touriño lembrou que no IES do Castro se abriu unha sección de Bacharelato Internacional para os fillos do funcionariado deste organismo; e que a Xunta ten posto a disposición do persoal desta institución unha guía e unha oficina de asesoramento e información sobre a cidade olívica e outras cuestións de interese, como a referida aos alugueiros de pisos na comunidade galega.
Por último, Pérez Touriño e Harm Koster coincidiron en subliñar o excelente clima de colaboración existente entre ambas as dúas institucións e amosaron o seu desexo de seguir mantendo unha estreita cooperación.
A Axencia Comunitaria de Control da Pesca
A Axencia Comunitaria de Control da Pesca é un organismo independente que empezou a funcionar en xaneiro de 2007 coa función de organizar a coordinación das actividades de control e inspección para que as regras da política pesqueira comunitaria sexan respectadas. Este organismo comunitario realiza as súas tarefas de maneira coordinada co Comisión Europea, os estados membros, os consellos consultivos rexionais e as organizacións rexionais de pesca. A sede da Axencia Comunitaria de Control da Pesca é Vigo, cidade elixida por acoller o porto pesqueiro número un de Europa cunha gran industria no sector.
Os obxectivos da Axencia Comunitaria de Control da Pesca son, ademais da coordinación, organizar o despregamento dos recursos nacionais de control e inspección; asistir aos estados membros no intercambio de información entre a Comisión Europea e terceiros; axudar aos estados membros a aplicar as regras da Política Pesqueira Común de maneira uniforme e efectiva; coadxuvar a investigación e desenvolvemento común das novas técnicas de control e inspección; coadxuvar a coordinación da formación de inspectores e o intercambio de boas prácticas.
A competencia da Axencia de Pesca ten como máxima prioridade a cooperación do control pesqueiro en augas comunitarias, cun ámbito de actuación que vai desde o Mar Negro ao Este e o Atlántico ao Oeste, e desde o Báltico ao Norte e o Mediterráneo ao Sur. Pero ademais, ten como misión o control en todas as zonas onde haxa un buque europeo, coordinando as actividades de vixilancia e inspección en augas lonxanas, non só no Atlántico Norte, senón tamén no Pacífico e no Atlántico Sur.
A Xunta de Galicia mantén unha colaboración permanente e activa cos responsables da Axencia Europea da Pesca co obxectivo inicial de facilitar a xa culminada implantación na cidade de Vigo, contribuíndo a dotala dunha sede provisional, que se inaugurará proximamente.
Trátase da terceira institución comunitaria deste rango con sede en España, xunto coa de Alacante, que tramita marcas e patentes, e a de Bilbao, sobre seguridade e saúde do traballo.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.