Notas de prensa

Pesca achega máis de un millón de euros ao minicriadeiro do Freixo

A conselleira de Pesca visitou de xeito oficial o concello de Noia onde tamén se desprazou ata o edificio de apoio á lonxa do Testal. Pesca investiu 3,4 millóns de euros en resposta ás demandas dos profesionais do mar desta zona.

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, acompañada pola delegada territorial de Pesca na Coruña, Rosa Liaño Pedreira, desprazouse ata as obras do criadeiro de moluscos de Sabarde (O Freixo), ubicado no concello coruñés de Outes, unha actuación para a que o departamento autonómico achega máis de 1,2 millóns de euros. A súa presenza enmárcase na visita institucional realizada pola titular da Administración pesqueira galega ao Concello de Noia, quen tamén se achegou ata o edificio de apoio á lonxa do Testal. No percorrido participaron, ademais, o delegado comarcal da Consellería en Ribeira xunto co patrón maior da Confraría de Pescadores noiesa e o portavoz de Pesca do PSdeG-PSOE no Parlamento de Galicia.

Así, a Conselleira reuniuse primeiramente co equipo de goberno do Concello de Noia, encabezado polo seu alcalde, Rafael García Guerrero, na Casa do Concello. Posteriormente, nun encontro cos medios, Carmen Gallego destacou que o seu departamento leva realizados investimentos, por un importe próximo aos 3,4 millóns de euros dende a súa chegada á Consellería, para actuacións coas que se quere dar resposta ás necesidades manifestadas polos profesionais do mar da zona. Desa partida, unha porcentaxe
significativa destinouse á posta en marcha do criadeiro de moluscos de Sabarde; á construción dunha nova lonxa para o porto pesqueiro do Freixo; e ao edificio de apoio á “rula” existente no porto do Testal. Ademais, están previstas, para 2008, outras actuacións por valor de 336.412, polo que a inversión da Consellería en Noia superará os 3,7 millóns de euros ao remate do actual exercicio.

Trala rolda de prensa, a Conselleira e o resto de autoridades
desprazáronse ata o veciño concello de Outes para visitar as obras das instalacións do criadeiro de moluscos que xestionará a confraría de Noia e para o que Pesca aporta máis de 1,2 millóns de euros entre as anualidades de 2007 e 2008 (a metade do custo total da infraestrutura). A planta, que suporá a creación de nove postos de traballo fixos e seis eventuais, contará cunha capacidade de produción de 80 millóns de unidades de ameixa ao ano (entre fina e babosa), así como 20 millóns de unidades anuais de ostra.

Ademais, Gallego destacou que esta “hatchery” permitirá ao sector da zona autoabastecerse de semente para trasladar aos bancos naturais e ás praias e así incrementar a produción desas áreas. Neste punto, hai que sinalar que as obras estarán rematadas no mes de outubro e despois aínda serán precisos seis meses máis para completar as instalacións interiores.

Así, o criadeiro terá unha superficie de máis de 2.000 metros cadrados, distribuídos entre unha nave de dúas alturas e un invernadeiro. Deste xeito, a primeira das dúas zonas disporá dunha área seca (con salas de equipos, oficinas, despachos, comedor, almacén, vestiarios, sala de reunións e aseos) e unha área húmida. Nesta última haberá unha sala de reprodutores con 240 bandexas, oito estanterías e tres tanques de indución á posta de reprodutores; unha sala de cultivo larvario con 60 litros de capacidade unitaria; unha zona para post-larvas con 48 depósitos de 900 litros de capacidade unitaria e área de 19 piscinas para sementeiro de
moluscos de 5.000 litros de volume unitario; e unha sala de cultivo de fintoplancton. Pola súa banda, o invernadeiro adicarase ao cultivo de microalgas en tres alturas de 28 tanques.

Edificio de apoio á lonxa

As autoridades, encabezadas pola titular de Pesca, retornaron con
posterioridade ao Concello de Noia, onde se achegaron ata o porto
pesqueiro do Testal para visitar o edificio de apoio á lonxa existente, que alberga aseos, vestiarios, almacéns e unha cafetería. Neste caso, a axuda do departamento autonómico ascendeu a case 400.000 euros e a instalación conta cunha superficie construída de 704,06 metros cadrados, se ben a superficie útil é de 660,44 metros.

Neste eido, tamén cabe destacar que Carmen Gallego inaugurou o pasado mes de febreiro a nova lonxa do porto pesqueiro do Freixo, unha obra para a que a Administración pesqueira galega achegou algo máis de 843.000 euros. A nova edificación sitúase no mesmo terreo que ocupaba a anterior “rula” máis o local e a báscula da Asociación de Produtores Mexilloeiros da Ría de Muros e Noia. A estrutura, de dúas alturas, conta cunha superficie construída de 784,61 metros cadrados e unha superficie útil de 658,07
metros. Na parte baixa conta coa lonxa, unha cámara de conxelación, un almacén, unha oficina, tres vestiarios e un vestíbulo/distribuídor, mentres que na alta ten oficinas, un almacén/arquivo, unha sala de reunións, aseos, un distribuídor e un vestíbulo.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2008-07-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES