25 empresas presentaron propostas para executar as obras de urbanización e electrificación do Parque Empresarial de Pacios-Baamonde, en Begonte. As obras deste parque foron licitadas o pasado abril, por un importe de 21.375.171 e prevese o seu inicio no segundo semestre deste ano cun prazo de execución de 24 meses.
Neste momento, ultímase o proceso de adquisición dos terreos precisos para o desenvolvemento deste parque mediante expropiación. Ademais, está en proceso de adxudicación a Dirección da obra por 434.207 .
O Parque Empresarial de Pacios-Baamonde terá unha superficie de 1.062.151 metros cadrados dos que 652.415 serán de uso empresarial, 72.889 uso comercial, social e deportivo, outros 147.890 destinados a zona verde e o resto para vías, infraestruturas, servizos e aparcamentos.
Este parque contará en total con 44 parcelas de gran tamaño, das que 40 serán de uso industrial destinadas a operadores loxísticos dedicados ao movemento de mercadorías. Destas 40 parcelas, 18 terán entre 5.000 e 12.000 metros cadrados, 20 cunha superficie de entre 12.000 e 30.000, unha de 66.263 e 1 parcela de 90.990 metros cadrados.
Precisamente a situación do Parque de Pacios-Baamonde, entre a A-6, a futura Autovía do Cantábrico A-8 e a N-634, é unha das características que o fai especiualmente atractivo para a instalación deste tipo de empresas, que precisan de enlaces coas principais vías de comunicación do país para o transporte das súas mercadorías.
O futuro Parque Empresarial de Pacios-Baamonde está integrado no programa Galiza Suma, xa que se trata dun proxecto estratéxico pola súa situación no país e polo seu carácter de Plataforma Loxística que permitirá a instalación de grandes empresas, co conseguinte desenvolvemento económico e creación de postos de traballo.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.