Notas de prensa

Pesca anima a consumir peixe no Festival Oceanus 2008 da Coruña

O debuxo animado de estética manga que protagoniza a campaña Sonche Xan! achega aos máis cativos da casa os beneficios derivados de comer produtos do mar a través dun obradoiro de aprendizaxe.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos promove, a través da campaña “Sonche Xan!”, o consumo de peixe entre os máis cativos da casa en “Oceanus 2008 Festival dos Mares”, que se celebra na cidade da Coruña entre o 26 e o 29 de xuño. Deste xeito, no certame, organizado polo Concello herculino, terá lugar o obradoiro “Aprende a comer peixe con Xan”, no que o debuxo animado de estética manga que protagoniza a campaña do departamento que dirixe Carmen Gallego achegará aos rapaces os beneficios derivados da inxestión de produtos do mar.

O festival “Oceanus 2008” lévase a cabo nunha carpa situada na explanada do Palacio de Exposiciones y Congresos (Palexco) da cidade herculina e foi inaugurado este mediodía, nun acto no que, entre outras autoridades, participou a delegada territorial de Pesca na Coruña, Rosa Liaño. O espazo “Aprende a comer peixe con Xan” tivo lugar hoxe en horario de 12 a 13,30 horas e tamén se desenvolverá nas xornadas de mañá e o sábado entre as 12,30 e as 14 horas.

No transcurso dos tres días, está previsto que pasen polo obradoiro arredor de 100 nenos aos que Xan amosará os “poderes” que dá o consumo de peixe, fomentando neles hábitos alimenticios saudables para que medren fortes e sans. Así, os rapaces que se acheguen ao taller, ademais de aprender e disfrutar dun anaco de lecer, recibirán diferentes agasallos e estarán acompañados por Xan, así como por tres monitores.

Entre os regalos que se entregarán atópase diverso material promocional como mochilas, camisetas e porta Cds. Así mesmo, os nenos recibirán como agasallo unha publicación con información sobre os valores nutricionais e os beneficios de consumir produtos do mar, receitas, pasatempos, fichas para colorear e información xeral sobre o mundo da pesca.

Esta actividade, coa que Pesca quere apoiar a celebración do 800 aniversario da cidade da Coruña, forma parte da campaña “Sonche Xan!”, que leva a cabo a Consellería ao longo de todo o ano. Trátase dunha iniciativa que ten por obxectivo animar aos máis pequenos a consumir peixe e que inclúe, ademais de anuncios en prensa, radio e televisión, actividades lúdicas e deportivas nas que se fai entrega aos rapaces de diverso material promocional.

De feito, o pasado mes de marzo, Xan foi o protagonista do stand do departamento autonómico na XIII edición da Vilagarcía Basket Cup, o campionato internacional sub-20 de baloncesto da cidade de Vilagarcía. Nese encontro, Xan repartiu camisetas aos membros dos equipos participantes, así como agasallos a todos os asistentes e foi un dos encargados de animar aos equipos e á afección.

Coñecementos sobre o peixe e o traballo no mar

Os obxectivos xerais da campaña “Sonche Xan!” 2008 son potenciar o consumo de peixe desde idades temperás como parte esencial dunha dieta equilibrada; fidelizar a Xan como referente dun consumo divertido; e axudar aos pais a incluír os produtos do mar na alimentación dos rapaces como parte dunha dieta saudable e normalizada.

Ademais, persegue outras finalidades como dar a coñecer a composición nutricional do peixe e os seus beneficios para a saúde, así como as distintas presentacións, elaboracións e conservación dos produtos do mar; difundir a diversidade de alimentos de orixe mariña; e facer que os máis cativos se familiaricen co traballo no mar e a importancia que ten a pesca para Galicia.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia , 2008-06-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES