
Unha de cada catro caixas de lagostinos está mal etiquetada, segundo se desprende dun estudo realizado no Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control de Alimentos (LHICA) da USC no que se analizaron un total de 41 produtos. A investigación, coordinada polo catedrático da USC Jorge Barros e a profesora Pilar Calo, acaba de ser publicada na revista Food Chemistry e nela tamén se revela que, aínda que veraz, nun 39 por cento dos casos a información é incompleta.
Barros explica que a diferenciación morfolóxica deste tipo de crustáceos non é doada nos conxelados e mesmo resulta imposible en produto pelado, o que dificulta ter a garantía de que o etiquetado é correcto. Os erros máis frecuentes son a equivocación no nome científico ou ben que apareza unha soa especie cando o produto contén máis, e viceversa.
A análise fíxose tanto en produto enteiro conxelado como nos procesados onde os lagostinos e gambas son ingredientes de alto valor engadido. Nestes últimos están sen pel e sen cabeza, facendo máis complicado a súa identificación, apunta o catedrático. Nas conclusións do estudo tamén se recolle que en España se comercializa unha gran variedade de especies deste tipo de crustáceos.
Novo método de diferenciación
As anomalías danse porque algúns alimentos presentan un etiquetado xenérico sen especificar a especie comercializada, posiblemente pola falla de métodos fiables de diferenciación, apuntan os investigadores.
Para solucionar esta situación, os investigadores da USC patentaron un método molecular que permite distinguir máis de 20 especies de lagostinos polo seu ADN mitocondrial. Jorge Barros comenta que esta pegada dactilar molecular é un marcador xenético termoestable, polo que as análises tamén se poden facer en produtos xa cociñados.
O equipo do LHICA tamén desenvolveu unha técnica específica para diferenciar as dúas especies de máis relevancia comercial, o lagostino tigre e o branco. Procedentes de países centroamericanos e do Sueste Asiático, representan preto do 80 por cento do volume total dos lagostinos de cultivo que se comercializan internacionalmente.
A investigación realizouse en colaboración cun equipo do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC que, dirixidos polo científico José Manuel Gallardo, avanzan hoxe na definición de marcadores proteicos para diferenciar especies á vez que estudan certas proteínas alerxénicas dos lagostinos co fin de deseñar métodos inmunolóxicos para a súa detección.
A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.