Notas de prensa

Pesca aclara que o peixe da campaña nos colexios é galego

Entre os provedores dos recursos pesqueiros para a realización desta campaña están Absa, Porto de Celeiro, a Asociación de Armadores de Marín, Cooperativa do Mar de Ribeira, Cooperativa dArvi, Aroga e o Consello Regulador do Mexillón de Galicia.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos quere poñer de manifesto que os provedores dos recursos pesqueiros para a realización da campaña de promoción de consumo de peixe entre os nenos galegos, “Uhmmm...peixe!!”, son as principais asociacións de armadores, produtores e acuicultores de Galicia que colaboran no financiamento do produto. Deste xeito, estas organizacións contribúen de forma importante ao desenvolvemento e consolidación desta iniciativa que promove o departamento de Pesca, en colaboración coas consellerías de Sanidade e de Educación e Ordenación Universitaria.

Así, as entidades colaboradoras con “Uhmm...peixe!!” son Armadores de Burela S.A. (ABSA), Porto de Celeiro, Asociación de Armadores de Marín, Cooperativa do Mar de Ribeira, Cooperativa de Armadores de Vigo (Arvi), Asociación de Produtores de Rodaballo (Aroga) e o Consello Regulador do Mexillón de Galicia. Pola súa banda, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos aboa a parte restante dos gastos derivados da compra do peixe e é a responsable de organizar o traslado aos centros educativos do produto debidamente fileteado e desespiñado, para facilitar o labor dos profesionais do comedor.

“Uhmm..... Peixe!!” ten como eixo central unha acción práctica que consiste en que todos os alumnos que acostumen a xantar no comedor escolar disfruten dun menú a base de peixe. Esta comida contempla a instalación previa duns paneis (tres grandes posters) que explican as propiedades do peixe, así como o reparto dun díptico a todos os rapaces ao inicio do xantar. Este ano son 14.000 estudantes de entre 8 e 10 anos, 3.000 máis que a edición anterior, pertencentes a 67 colexios de toda Galicia (15 da provincia da Coruña, 17 da de Lugo, 21 da de Ourense e 14 da de Pontevedra), os que se benefician deste proxecto.

A campaña busca vincular o feito de comer peixe a algo divertido, saboroso e, por enriba de todo, saudable, para lograr desenvolver actitudes positivas para o seu consumo. Ademais, e dado que os principias motivos do rexeitamento deste produto por parte dos nenos radica nas espiñas, a textura, o aspecto e o sabor, preténdese que os alumnos descubran novos sabores e texturas de peixe que lles permita achegarse ao pracer de comelo; coñezan o lugar onde se atopan as espiñas nas principais especies que consumen, e saiban manexar os instrumentos e técnicas que permiten separalas.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia , 2008-06-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES