Notas de prensa

O proceso de avaliación as universidades debe ser máis participativo e global

Afírmao o catedrático da USC Carlos Rosales na súa investigación sobre os factores que poden contribuír a elevar a calidade dos estudos superiores.

“A mellora cualitativa da formación superior debe constituír unha meta que presida todos os seus procesos de cambio”, comenta o catedrático da USC Carlos Rosales ao falar da súa investigación ‘Factores que poden contribuír a elevar a calidade dos estudos universitarios’ publicada no libro Promoción de la salud en la Universidad. O estudo conclúe que se debería modificar o concepto e procedemento de avaliación universitaria para facela “máis global e participativa”.

Carlos Rosales propón estimular a cooperación tanto entre alumnos como entre profesores, o que implicaría un cambio de actitudes, “tradicionalmente moi competitivas e xerarquizadas”, cara outras “máis solidarias”. Dita cooperación “repercutiría positivamente no desenvolvemento persoal do alumno” e na adquisición de habilidades para a comunicación e colaboración, efectos que tamén se reproducirían entre os docentes facilitando unha ensinanza interdisciplinaria.

O estudo apunta tamén a necesidade dunha actualización social dos contidos que se transmiten nas aulas, tratando temas “máis universais”. Segundo Rosales, daríase un “incremento da motivación” do estudantado e a súa mellor preparación para intervir na comunidade como cidadán e profesional.

O cambio cualitativo tamén inclúe factores como o perfeccionamento de servizos de apoio ao estudante xunto co incremento dos recursos didácticos, a mellora da organización e funcionamento dos centros, a optimización das titorías e a utilización de novas técnicas como, por exemplo, as ‘titorías entre iguais’.

Carlos Rosales subliña que todas as transformacións non son viables sen unha “aposta polo incremento do benestar físico, mental e social dos alumnos, profesores e todos os traballadores da Universidade”. Para iso son precisas medidas tendentes á redución, nalgúns casos, da proporción de alumnos por profesor, á renovación de técnicas de ensino e avaliación, ademais da creación de contextos que faciliten a dedicación e perfeccionamento docente.

A obra

A preocupación pola saúde dos alumnos constitúe unha liña emerxente de traballo e investigación que parece necesario potenciar. Esta foi a finalidade do libro colectivo Promoción de la salud en la universidad (Tórculo, 2008) que coordinou o catedrático de Didáctica e Organización Escolar da USC Carlos Rosales López e a doutora en Ciencias da Educación Elena González Alfaya.

A obra ten a súa orixe na defensa da tese doutoral europea de Elena González baseada nunha investigación sobre tres estudos de caso (Santiago, Turín e Viana do Castelo) en torno ás formas nas que as universidades promoven a saúde dos seus estudantes.

Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2008-06-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (6coreografas-2026.jpg) A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
Foto de la tercera plana (litoral-pobo.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.

Notas

Xerardo Quintiá gaña, co poemario Os cantos a Minha Senhor de Donsinda Christensen e baixo o lema «Cantos a Minha Senhor», a XXIV edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 46 obras inéditas. A resolución do xurado, presidido por Luís González Tosar, con Inés Mosquera Calvo como secretaria e vogal, e integrado por César Lorenzo Gil, Teresa Seara e Ismael Ramos Castelo, tivo lugar en Santiago.
As escavacións levadas a cabo este verán na Cova de Eirós, no lugar de Cancelo do concello lucense de Triacastela, e en Monte Penedo permitiron ampliar os períodos de ocupación humana das cavidades á vez que certificar que foron usadas como lugares de enterramento. Concretamente, a escavación do nivel 5 en Cova Eirós confirma a existencia na cova de ocupacións neandertais mais antigas e a realizada en Gruta dos Bloques descubriu a existencia dun enterramento infantil datado na Idade do Bronce.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES