Notas de prensa

A Plataforma Tecnolóxica de Acuicultura afianzará o liderado galego no sector coa I+D+i

Os conselleiros de Innovación e de Pesca presentaron a Plataforma e a súa primeira axenda estratéxica con prioridades investigadoras en nutrición, patoloxía, xenética, medio ambiente, seguridade alimentaria e deseño das instalacións.

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco Álvarez; a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar; e o presidente da Plataforma Tecnolóxica Galega de Acuicultura (PTXGA) en funcións, Enrique Corrales, presentaron en Santiago de Compostela a nova Plataforma Tecnolóxica Galega de Acuicultura e a súa Axenda Estratéxica de Investigación. Esta Plataforma nace para ser un lugar de encontro entre o sector económico, a investigación e as administracións no ámbito da acuicultura e motor do desenvolvemento do sector, onde Galiza é líder estatal e un dos principais produtores europeos.

A primeira Axenda Estratéxica de Investigación presentada pola Plataforma do sector acuícola para os vindeiros anos marca seis liñas principais de actuación no ámbito da I+D+i que fan referencia á nutrición, a patoloxía, a xenética, o medio ambiente, a seguridade alimentaria e o deseño das instalacións de acuicultura. A finalidade destas distintas liñas céntrase en mellorar os ratios de produtividade do sector investigando para diminuír os riscos e aumentar o control das patoloxías. Ademais, búscanse sistemas de xestión da produción máis automatizados e sustentables, onde a calidade e a seguridade alimentaria de cara ao consumidor sexa máxima e estea garantida.

Durante o acto de presentación, Fernando X. Blanco salientou que no momento actual Galiza sitúase nunha posición de liderado respecto ao conxunto do Estado, como así o avalan os seus datos de volume de produción e nivel de emprego. Con 317.000 toneladas de produto xérase un volume de negocio que chega aos 200 millóns de euros e máis de 5.000
empregos directos en 100 empresas.

“Tendo unha posición tan salientable nestes intres, o futuro do sector acuícola en Galiza debe aspirar a seguir medrando e consolidándose. No actual contexto, a pesca extractiva non pode satisfacer a crecente demanda de produtos do mar e, en consecuencia, a acuicultura dispón dun espazo para crecer. Nese senso, o labor da Plataforma Tecnolóxica Galega de Acuicultura é un paso máis para poder aproveitar esa oportunidade” salientou o conselleiro de Innovación e Industria.

Pola súa banda, a conselleira de Pesca, Carmen Gallego, sinalou que o crecemento da acuicultura está estreitamente vencellado á investigación máis punteira e, por iso, a Consellería investiu en 2007 máis de 1,6 millóns de euros nos diferentes proxectos e liñas de investigación no eido da acuicultura mariña en Galicia. Esto significa que se incrementaron nun 50 por cento os fondos propios destinados a este tipo de investigación, segundo manifestou a responsable da Administración pesqueira galega.

Gallego tamén puxo en valor que na actualidade o seu departamento ten vixentes 18 convenios de colaboración con outras entidades de investigación e que a nosa comunidade autónoma liderou o ano pasado o reparto dos fondos correspondentes aos plans nacionais de acuicultura con unha partida próxima aos 750.000 euros. Ademais, a Conselleira de Pesca defendeu que o futuro da acuicultura pasa polo desenvolvemento tecnolóxico, a diversificación de especies e as prácticas sustentables, ao tempo que destacou que o Plan Galego de Acuicultura aposta por que Galicia manteña o liderato mundial na produción de peixes planos compatibilizándoo co respecto ao medio ambiente.

A Plataforma Tecnolóxica Galega de Acuicultura é unha das primeiras Plataformas financiadas desde a Consellaría de Innovación e Industria, que achegou preto de 200.000 euros para a súa creación e consolidación. Na actualidade conta con 26 entidades participantes, que abarcan todo o espectro do sector, dende as 3 universidades, o centro tecnolóxico e os centros de investigación existentes, até as asociacións e o sector empresarial, do que están presentes todas as empresas acuícolas de Galiza, auténticas destinatarias desta estrutura de cooperación.

Os obxectivos xerais que persegue a Plataforma da Acuicultura dende a súa creación son converterse nun foro multidisciplinar no seu ámbito; fomentar e mellorar a relación industria / investigación; crear consorcios de investigación para competir mediante proxectos de interese estratéxico; contribuír a mellorar a cooperación en investigación entre as nosas entidades así como a nivel internacional; estimular o investimento tanto público como privado do sector en I+D+I; achegar os investigadores e investigadoras á industria acuícola para realizar traballos aplicables na mesma; promover oportunidades laborais cualificadas no sector, en especial, en postos relacionados coa I+D+; e ser un medio para xerar recursos e propoñer modelos de negocio sustentables.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia , 2008-06-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES