Notas de prensa

O Cetmar acollerá a sede provisional da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal

O director-xerente do centro presentou aos patronos o informe de xestión do Cetmar do primeiro semestre de 2008 no que se mantiveron activos un total de 60 proxectos e puxéronse en marcha 19 novas iniciativas.

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, presidiu a reunión do Padroado da Fundación Cetmar, que se celebrou no Centro de Formación “A Aixola” de Marín. A esta xuntanza tamén asistiron a directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, Fátima Linares Cuerpo, e o director-xerente do Cetmar, Alberto González Garcés. Así mesmo, estiveron presentes como membros do Padroado, responsables das vicerreitorías de investigación das tres universidades galegas (Vigo, A Coruña e Santiago), das consellerías de Innovación e Industria, Medio Ambiente e Educación, así como representantes da Secretaría General del Mar e o Instituto Español de Oceanografía.

O desenvolvemento da xuntanza deu comezo, segundo constaba na orde do día, coa lectura da acta da sesión anterior, celebrada no mes de decembro, e que quedou aprobada co asentimento de todos os presentes. De seguida, o director do centro presentou o informe de xestión do Cetmar no que deu a coñecer as liñas de traballo que se seguiron no primeiro semestre do ano 2008 manteñen o obxectivo xeral de fomentar e executar accións tendentes á conservación e o aproveitamento responsable do medio mariño e dos seus recursos.

Alberto González Garcés destacou que o persoal do Centro Tecnolóxico do Mar continúa a traballar para dar seguimento ao labor de intermediación con institucións e centros de investigación, sector empresarial e Administración en traballos de investigación e desenvolvemento. Ademais, sinalou que o centro que dirixe busca avanzar cara a un carácter máis tecnolóxico a partires da futura unidade de tecnoloxías mariñas, pendente de implantación. Así mesmo, recordou algúns dos proxectos que deron os seus primeiros pasos nestes primeiros seis meses do ano e os que finalizaron neste mesmo período como Aquareg. En concreto, explicou aos membros do Padroado que neste tempo se manteñen activos un total de 60 proxectos e iniciáronse 19 novas iniciativas a través de contratos, convenios ou encomendas.

A continuación, os asistentes aprobaron as contas anuais da Fundación relativas ao exercicio 2007, que tamén foron expostas polo director-xerente do centro. As cifras, que deben ser aprobadas dentro dos seis meses seguintes á data na que se pecha o exercicio, indican que os resultados obtidos foron moi positivos o ano pasado, xa que se empregaron máis de sete millóns de euros para os proxectos que desenvolve o Centro Tecnolóxico do Mar.

Finalmente, os patronos aceptaron a solicitude que o Goberno galego lle fixo ao Cetmar para a cesión temporal dun espazo das súas instalacións para albergar a sede da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Galicia-Norte de Portugal. Deste xeito, e despois de que se asine un convenio de colaboración entre o Cetmar e a Secretaría Xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia, habilitarase unha zona para que se ubiquen nela as dependencias desta asociación durante un período de dous anos.

A Xunta de Galicia, en común acordo coa Comisión de Coordinación da Rexión Norte de Portugal, acordou constituír unha asociación europea de cooperación territorial que terá a súa sede en Vigo, co obxectivo de fomentar a colaboración entre Galicia e Norte de Portugal en todos os ámbitos posibles, especialmente, no eido mariño.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2008-06-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES