A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, acompañada por parte do seu equipo directivo, mantivo unha xuntanza con representantes da frota de cerco e cos sindicatos, na que se lles presentou un Plan Director para este segmento destinado a asegurar a súa viabilidade nos vindeiros
anos. O documento, dado a coñecer nun encontro en Santiago, recolle unha análise interna e externa desta actividade (feita en colaboración co sector) e tamén formula unha serie de medidas a executar entre este exercicio e 2013 (coincidindo coa vixencia do Fondo Europeo de Pesca), centradas na adaptación do esforzo pesqueiro, a formación e a comercialización.
Entre as actuacións concretas a aplicar podemos destacar aquelas que inciden na seguridade dos mariñeiros e na mellora das súas condicións de traballo, así como na aplicación de modelos retributivos atractivos e na revalorización dos recursos capturados. Cabe sinalar que, unha vez presentado o Plan ao sector, ábrese un período de traballo conxunto para introducir os elementos que esta frota considere necesarios coa finalidade
de levar o documento definitivo ante o Goberno de España e a Unión Europea este verán e así comezar a aplicalo o antes posible.
Deste xeito, o Plan Director para a frota do cerco propón un total de sete obxectivos estratéxicos con clara influencia no mantemento futuro da actividade, entre eles a profesionalización da estrutura empresarial do sector; o incremento da competitividade; a participación dos pescadores na comercialización das súas capturas; e a adaptación do esforzo pesqueiro.
Tamén se avoga por potenciar a I+D+i en todos os procesos da actividade extractiva; a revalorización das especies asociadas ao cerco; e o fomento do asociacionismo no conxunto da arte.
Estes sete obxectivos poden englobarse en tres liñas básicas
(sustentabilidade, desenvolvemento empresarial e comercialización) sobre as que se aplican os diferentes plans de acción propostos no documento e que son priorizados de acordo con tres criterios: o impacto estratéxico, entendido como contribución á mellora da sustentabilidade e supervivencia do sector; a factibilidade; e a urxencia.
Deste xeito, propóñense un total de 26 medidas, a desenvolver nos
vindeiros anos, orientadas á adaptación do esforzo pesqueiro, á formación e á comercialización. Dentro do primeiro dos tres apartados atópanse accións como a diversificación da frota de cerco mediante a súa adecuación a outras artes; a realización de paradas temporais a través de vedas ou limitacións das zonas de pesca e dos días de faena; control de capturas; e aplicación de técnicas de I+D+i no eido de redución de custos e de selectividade do recurso.
En canto ao eido formativo, apóstase por instruír aos profesionais do cerco en ferramentas de xestión; na promoción de modelos asociativos; na xestión conxunta para reducir custos; e na introdución do sector á comercialización. Así mesmo, sinálase a profesionalización e cualificación dos mariñeiros; a mellora das condicións de seguridade laboral; e a aplicación de modelos retributivos atractivos.
Finalmente, no ámbito da comercialización o Plan Director contempla o fomento da participación da frota nos procesos de compra-venda; programas de colaboración entre esta actividade e outros sectores; actuacións para a presentación e transformación do produto; o desenvolvemento de campañas de marca e imaxe; a localización de novos mercados; a aposta pola certificación; e a aplicación da I+D+i.
Análise e diagnose da frota de cerco
O Plan Director para a frota do cerco, ademais dos obxectivos a acadar e as liñas de acción para logralos, tamén recolle unha análise externa e outra interna deste segmento de actividade. Así, o estudo establece, atendendo aos datos do Rexistro de Buques da Xunta de 2007, a existencia de 169 embarcacións en Galicia adicadas á arte de cerco, que proceden de 27 portos base, operan en 14 lonxas e traballan en oito áreas de
produción. Ademais, eses buques supoñen un arqueo 6.375,92 Gts e unha potencia de 35.391,28 CV, ao tempo que empregan a uns 1.500 mariñeiros e rexistraron capturas por valor de 23,7 millóns de euros.
En canto ás zonas de produción (Vigo, Pontevedra, Arousa, Muros, a Costa da Morte, Coruña-Ferrol, Cedeira e a Mariña Lucense), destacan polo seu arqueo e a súa potencia as Rías Baixas. A análise realizada tamén establece que as capturas da frota de cerco medraron un 40 por cento no período 2005-2007, destacando entre as especies peláxicas vinculadas a esta arte (sardiña, xarda pintada e xurelo) a evolución da sardiña.
Ademais, indícase que as peláxicas capturadas con outros aparellos son máis valoradas que as de cerco, o que é consecuencia duns peores horarios no acceso á venda e dunha non tan boa presentación do produto.
Por outra banda, o Plan Director presenta unha diagnose das fortalezas, oportunidades, ameazas e debilidades do sector no eido da actividade extractiva e da comercialización. En relación á actividade sitúanse como forza deste segmento o feito de que a frota galega de cerco supón o 22 por cento da do Estado en caladoiro nacional en número de buques e o 15,5 por cento en arqueo GTs. Ademais, conta cunha elevada experiencia e
cualificación do persoal técnico, os buques son novos e están ben
equipados e capturan especies moi consumidas no mercado estatal. Pola contra, tamén soporta elevados custos de explotación, ten un sistema de contratación e remuneración pouco atractivo, necesita man de obra cualificada e o persoal é de idade media avanzada.
En canto ao ámbito da comercialización, o Plan establece como
oportunidades o aproveitamento de novas fórmulas de venda, o uso de I+D+i en relación coa transformación ou novos produtos; o desenvolvemento de imaxe e marca, apostando por iniciativas diferenciadoras como a creación dun distintivo para o recurso capturado por esta arte; o uso de fondos comunitarios; ou a participación na canle comercializadora. Por outra
banda, entre as debilidades a combater atópanse, entre outras, as baixas cotizacións, a ausencia de modelos de venda, a falta de asociacionismo ou a estacionalidade do consumo de sardiña en Galicia.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.