Notas de prensa

Carmen Gallego das medidas para paliar os efectos da alza do combustible

Entre as medidas que está a desenvolver o executivo autonómico por mor da alza do prezo do carburante, a Consellería de Pesca e Portos de Galicia, dependente da Consellería de Política Territorial, están a traballar na busca de medidas dirixidas a minorar as taxas portuarias.

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, informou aos membros do pleno do Consello Galego de Pesca das actuacións que está a levar a cabo o seu departamento para paliar os efectos da alza dos combustibles no sector pesqueiro. A titular de Pesca destacou que este é un problema de carácter estrutural e resaltou que algunhas das medidas nas que está a traballar o Goberno galego xa se iniciaron hai dous anos e medio. Neste senso, sinalou que o incremento sostido do prezo do combustible non é novo senón que se vén producindo dende o primeiro trimestre do ano 2003.

Carmen Gallego explicou na xuntanza que o Goberno galego está a apoiar á Administración central nas negociacións que está a levar a cabo cos restantes países costeiros da Unión Europea para lograr que o executivo comunitario flexibilice o Fondo Europeo da Pesca (FEP 2007-2013). O obxectivo é conseguir que a Comisión Europea na próxima reunión do Consello de Ministros, que terá lugar o vindeiro día 23 de xuño, acepte esta proposta conxunta que se lle trasladará o que permitiría empregar parte destes fondos a combater este problema estrutural. Búscase ademais acadar unha resposta que sexa de aplicación común en todos os estados membros.

No marco das medidas excepcionais que está a desenvolver o executivo autonómico, a Conselleira de Pesca anunciou que o seu departamento está a traballar con Portos de Galicia, dependente da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte, na busca de medidas para minorar as taxas portuarias.

Así mesmo, a responsable de Pesca puxo de manifesto que está a pór a disposición daqueles armadores e empresarios con dificultades económicas os organismos financeiros dos que dispón a Xunta de Galicia, tales como o Igape e as sociedades de garantía recíproca.

Galicia pioneira na busca de enerxías alternativas

Amais disto, a Conselleira explicou outras das medidas que se están levando a cabo dende o seu departamento, entre as que destacou dúas nas que Galicia é pioneira. A primeira delas a referida ao proxecto de investigación Peixe Verde, a través do que se está a traballar na busca e aplicación de enerxías alternativas como o Gas Licuado de Petróleo (GLP) que este ano será utilizado por un total de 200 embarcacións da frota de baixura. Tamén, sinalou, que se está a adaptar este proxecto ás frotas de arrastre de litoral e do Gran Sol e que en breve desenvolverase a primeira proba de mar dun barco cun motor dual. Trátase dunha actuación pioneira en España, xa que ningunha outra Comunidade Autónoma ten posto en marcha unha iniciativa deste tipo. De feito, destacou que xa outras rexións españolas, como Andalucía, se están interesando por esta iniciativa para poder poñela en práctica na súa frota.

Por outra banda, Carmen Gallego lembrou que os armadores galegos foron os primeiros en cobrar as axudas de “mínimis” no mes de marzo xa que o departamento de Pesca negociou coas entidades financeiras o adianto do pago destas axudas, facéndose cargo dos intereses xerados polos devanditos anticipos. Neste eido, anunciou que se sigue a traballar para a aplicación do tope máximo das axudas de “mínimis” ao segmento da frota artesanal, que aínda non acadou o tope dos 30.000 euros por empresa.

No tocante ao tema da comercialización, Carmen Gallego trasladoulle ao Consello Galego de Pesca que o reto de futuro que deberá afrontar o sector, en colaboración coa Administración, é o da comercialización. Trátase dun aspecto que se deberá mellorar e no que deberán involucrarse co fin de darlle valor engadido ao produto e, polo tanto, acadar maiores ingresos. Neste sentido, é de destacar que existen importantes recursos económicos do Fondo Europeo da Pesca que poden ir dirixidos ás melloras neste eido. Tamén lembrou que, por interese do propio sector pesqueiro, no ano 2006 a Consellería de Pesca modificou o Decreto de primeira venda en lonxa para a supresión da obrigatoriedade da subhasta á baixa, o que permite novas fórmulas de venda máis rendibles para os pescadores.

Continuando no ámbito da comercialización, a responsable de Pesca fixo especial fincapé na marca de calidade “pescadeRías, de onde se non?”, posta en marcha polo seu departamento, e que dende o pasado marzo certifica os produtos da baixura galega da mellor calidade. O obxectivo deste distintivo é tamén xerar valor engadido aos recursos co fin de que as xentes do mar poidan incrementar as súas rendas.

Tamén relacionado con este asunto, recordou que na reunión que mantivo o pasado día 6 de maio co Comisario de Pesca, Joe Borg, conseguiu o compromiso do mandatario comunitario para a realización dun estudo a nivel europeo que permita implantar unha política transparente de prezos, coa finalidade de que o consumidor saiba realmente o custo de orixe do produto que está a mercar.

Carmen Gallego incidiu que a Consellería de Pesca está a traballar na promoción do consumo de peixe entre o segmento de poboación que menos o consume, é dicir, os nenos. Así, explicou que hoxe 14.000 escolares galegos están a comer peixe dúas veces por semana, gracias a unha iniciativa que está a desenvolver o seu departamento nos centros de educación de Galicia, coa colaboración da Consellería de Educación e a de Sanidade.

Tamén recordou que por parte do Goberno Central se puxo en marcha a comezos deste ano, o Plan de Reactivación do Sector Pesqueiro español, dotado cun orzamento de 236 millóns de euros. O seu obxectivo é contribuír, a través de préstamos do Instituto Oficial de Crédito (ICO), á mellora da competitividade do sector pesqueiro. A esta iniciativa hai que engadir a levada a cabo polo Estado previamente, o Plan de Acción do Sector Pesqueiro Español, dotado con máis de 275 millóns de euros.

O pleno do Consello Galego de Pesca está formado, ademais de pola Administración pesqueira galega, por unha trintena de persoas que representan á Federación Galega e ás federacións provinciais de confrarías de pescadores, ás organizacións sindicais e ás diferentes comisións sectoriais do Consello (pesca de altura e de gran altura, baixura, marisqueo, acuicultura, industria da transformación e comercialización).

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2008-06-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260619-xunta.JPG) O programa formativo Medrando Xuntas permitiu que as mulleres participantes traballasen habilidades clave como a comunicación, a organización, o liderado, a toma de decisións, a participación interna e a mellora da confianza profesional, ao tempo que se fomentou a creación dunha rede de mulleres que se apoian, colaboran e comparten recursos e que se deron a coñecer proxectos que están a transformar a economía. En primeiro lugar, Medrando Xuntas contou cun programa formativo para reforzar a súa participación nas entidades de economía social. En segundo lugar, a formación para directivas estaba dirixida a mulleres con responsabilidades de dirección ou proxección cara ao liderado.
Foto de la tercera plana (medio-ambiente.jpg) Unha alianza entre o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e as compañías Naturgy InnovaHub e Flythings Technologies desenvolverá unha plataforma enerxética que transformará residuos en produtos de alto valor engadido. Neste caso transformaranse residuos como lodos de depuradora, restos orgánicos e biomasas, en produtos de alto valor engadido como biocombustibles (hidrochar e biometano) e vectores enerxéticos sostibles (hidróxeno e syngas). Para iso, a nova unidade mixta combinará distintas tecnoloxías e incorporará sistemas híbridos de almacenamento con baterías e supercondensadores, ademais de empregar ferramentas como Internet das cousas, os xemelgos dixitais e a aprendizaxe automática.

Notas

A Real Filharmonía de Galicia presentou a súa tempada 2026/27, 'Memoria', unha proposta artística que convida a reflexionar sobre a relación entre a música e a memoria, sobre a forma na que as obras do pasado continúan vivas no presente e sobre como a creación contemporánea dialoga permanentemente coa tradición. Concibida arredor da idea da memoria, a nova programación reúne grandes obras do repertorio sinfónico e algunhas das voces máis destacadas da creación actual.
A sala Normal acolleu a presentación da publicación 'De Esmelle a Ãtaca', unha reflexión de Emma Pedreira e María Besteiros sobre a pegada de Begoña Caamaño na escritura mítica feminista, editada polo Servizo de Publicacións da institución académica. O acto, protagonizado por unha das autoras, María Besteiros, foi aberto pola vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deportes da Universidade da Coruña, Cristina Naya.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES