Notas de prensa

Autorizada a prórroga do plan de recuperación do Burgo para os mariscadores a pé

Esta modificación constitúe a segunda addenda ao protocolo subscrito entre a Consellería de Pesca e a Confraría de Pescadores da Coruña e ampliará a vixencia das actuacións ata finais de 2008.

O Consello da Xunta autorizou a sinatura da segunda addenda ao convenio de colaboración subscrito entre a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e a Confraría de Pescadores da Coruña para a realización do Plan de recuperación da Ría do Burgo, no que participan os mariscadores a pé. Esta medida suporá ampliar ata o 31 de decembro deste ano o protocolo asinado entre os dous organismos e para o seu desenvolvemento o departamento autonómico achegará 686.631,84 euros con cargo aos Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, que poderán ser confinanciados polo Fondo Europeo da Pesca (FEP).

A actuación aprobada polo Goberno galego obedece a que o seguimento do estado sanitario das augas e as actuacións previstas non fan agardar que as condicións microbiolóxicas dos bancos marisqueiros melloren sensiblemente a medio prazo, polo que Pesca considerou conveniente prorrogar o convenio actual ata o remate de 2008, xa que a data de vixencia recollida no mesmo é o 30 de xuño. Non entanto, o acordo quedará sen efecto desde o mesmo día en que se faga efectivo o cambio de clasificación da Ría do Burgo de zona “C” a “B”, aínda que tal circunstancia se dea antes do 31 de decembro deste exercicio.

Tanto as dúas addendas como o propio convenio forman parte das iniciativas que está impulsando a Administración pesqueira galega para paliar a diminución de ingresos á que se ven abocados os traballadores do mar en varias rías galegas pola catalogación das súas zonas de produción como “C”, o que lles impide comercializar en fresco o recurso extraído nesas áreas. No caso dos mariscadores a pé da Coruña, a Consellería de Pesca xa vén desenvolvendo un plan de recuperación dende marzo do ano pasado, ao que destinou máis de 1,2 millóns de euros. Ademais, a Consellería achega, en 2008, unha contía superior aos 701.000 euros para as actividades que están levando a cabo os mariscadores dende embarcacións do pósito coruñés. Cada mariscador cobra 82 euros por xornada traballada.

Obxectivos e actividades do Plan

O Plan de recuperación da Ría do Burgo, no que participan os mariscadores a pé da confraría coruñesa, ten como finalidade manter en condicións axeitadas os bancos do intermareal; evitar a actuación impune dos furtivos e a explotación incontrolada das áreas de produción; e potenciar a profesionalización dos mariscadores, mellorando as súas condicións de traballo e seguridade, así como outras capacidades. Deste xeito, as actuacións a levar a cabo, ao igual que nos últimos meses, son accións de acondicionamento e rexeneración dos bancos, incluíndo a limpeza de mexillón e restos antropóxenos e traslados de marisco; medidas de vixilancia; e actividades formativas. Pola súa banda, a confraría deberá coordinar e controlar a distribución e realización dos traballos, baixo a supervisión dos técnicos designados pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Para o desenvolvemento do Plan está previsto dividir os mariscadores en tres grupos de traballo que realizarán unha das actividades en cada marea e se irán rotando de xeito que todos leven a cabo todas as iniciativas contempladas. Neste punto, cabe sinalar que o incumprimento das tarefas programadas sen xustificación e a extracción de marisco en zonas ou épocas non autorizadas dará lugar á exclusión do plan de traballo.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2008-06-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES