Notas de prensa

A conselleira de Pesca intervén na clausura da asamblea xeral do Clúster Marítimo Español

Celebrouse en Vigo no marco da Feira Internacional da Industria Naval: Navalia 2008.

Presidente do Clúster,

Secretario xeral,

Boas tardes a todos,

Como Conselleira de Pesca da Xunta de Galicia sinto unha especial satisfacción por estar hoxe en Vigo co Clúster Marítimo Español. Satisfacción porque felizmente este acto coincide coa declaración do 20 de maio como “Día Marítimo Europeo”.

Esta semana a Comisión Europea, o Parlamento Europeo e o Consello da Unión Europea subscriben unha declaración tripartita establecendo un “Día Marítimo Europeo”, que se celebrará anualmente o 20 de maio. Con esta iniciativa preténdese aumentar a conciencia e a visibilidade da importancia dos océanos, dunha dinámica economía marítima e do rico patrimonio europeo .


O espírito da declaración recolle a necesidade de que Europa potencie a súa capacidade de responder aos grandes desafíos aos que se enfronta, como a globalización, o cambio climático, a sustentabilidade enerxética e as presións ambientais sobre as costas e os mares.


As institucións europeas chaman ademais a atención sobre a importancia económica e as sinerxías entre sectores tan diversos como a construción naval e o transporte marítimo, os portos e a pesca, a produción de enerxía no mar, o turismo, o medio ambiente e o patrimonio marítimo.


Neste sentido, a declaración enlaza co debate aberto sobre a necesidade de deseñar unha política global que impulse as actividades económicas vinculadas ao mar, sobre a base dun desenvolvemento sostible do medio mariño. Necesitamos definir unha política marítima europea integrada, intersectorial e multidisciplinar.


Por este motivo, satisfaime participar nesta segunda Asemblea anual do Clúster Marítimo Español, que naceu coa vocación de sintonizar coa política marítima europea. E aspira ademais a converterse no lugar de encontro de todas as industrias, os servizos e a actividades económicas do noso país relacionadas co mar.


Precisamente, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia participou activamente no debate sobre a futura política marítima europea. Constituímos un grupo interdepartamental autonómico, integrado por todas as consellerías implicadas, para elaborar a posición do goberno galego. Coordinamos os traballos do grupo interautonomías do litoral español para definir a postura das comunidades marítimas sobre o Libro Verde e impulsamos o debate no seo do grupo de pesca do Arco Atlántico.


Galicia aposta por un futuro onde o desenvolvemento sostible continúe sendo o eixo central da política marítima; o coñecemento científico o principal soporte e garantía deste desenvolvemento; a interconexión física de persoas e mercadorías, reforzada por unha correcta implementación das autoestradas do mar e da seguridade marítima; a interconexión social e empresarial, baseada no asociacionismo e nas políticas integradas.


Respecto das actividades portuarias, desde Galicia apostamos por conceptuar os portos como espazos de xestión única. É dicir, é necesario regular conxuntamente o espazo e os servizos: descarga, almacenamento, distribución e ata primeiro tratamento das mercadorías. Tamén é importante desenvolver a intermodalidade e mellorar as infraestruturas do transporte máis aló da franxa costeira.


A calidade formativa ten que ser unha das prioridades da futura política marítima europea. A Unión Europea debe ser rigorosa na definición dos requirimentos profesionais e no seu control, para evitar a degradación profesional e dignificar o emprego no mar. Temos que avanzar na mellora das condicións laborais dos traballadores do mar e nas políticas de prevención de riscos e de seguridade a bordo.


Para rematar, gustaríame insistir na necesidade dunha maior integración dos diferentes ámbitos da I+D, acorde coas necesidades de xestión integral que expón o desenvolvemento dunha política marítima europea. É necesario definir programas de investigación máis transversais e máis integrados coas iniciativas empresariais, reforzando as plataformas tecnolóxicas mariñas.


Desde o Goberno galego estamos impulsando o proxecto Cidade do Mar, en Vigo, para a consolidación en Galicia dun marco de referencia internacional para a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico no ámbito mariño.
Queremos optimizar a cooperación por unha banda institucional e, por outra, pública e privada, para xestionar o coñecemento de forma máis eficiente e incentivar a investigación aplicada.


Neste contexto, quero animar a todas as empresas integradas no Clúster Marítimo Español a continuar traballando pola excelencia empresarial no sector marítimo español; un camiño no que contan co noso apoio e, por suposto, coa nosa rede de centros tecnolóxicos e de investigación.


Espero que a Asemblea que agora clausuramos supoña un impulso á cooperación, á innovación e á tecnoloxía como valores fundamentais para a mellora da competitividade do sector marítimo español.


Moitas grazas.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2008-05-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260619-xunta.JPG) O programa formativo Medrando Xuntas permitiu que as mulleres participantes traballasen habilidades clave como a comunicación, a organización, o liderado, a toma de decisións, a participación interna e a mellora da confianza profesional, ao tempo que se fomentou a creación dunha rede de mulleres que se apoian, colaboran e comparten recursos e que se deron a coñecer proxectos que están a transformar a economía. En primeiro lugar, Medrando Xuntas contou cun programa formativo para reforzar a súa participación nas entidades de economía social. En segundo lugar, a formación para directivas estaba dirixida a mulleres con responsabilidades de dirección ou proxección cara ao liderado.
Foto de la tercera plana (medio-ambiente.jpg) Unha alianza entre o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e as compañías Naturgy InnovaHub e Flythings Technologies desenvolverá unha plataforma enerxética que transformará residuos en produtos de alto valor engadido. Neste caso transformaranse residuos como lodos de depuradora, restos orgánicos e biomasas, en produtos de alto valor engadido como biocombustibles (hidrochar e biometano) e vectores enerxéticos sostibles (hidróxeno e syngas). Para iso, a nova unidade mixta combinará distintas tecnoloxías e incorporará sistemas híbridos de almacenamento con baterías e supercondensadores, ademais de empregar ferramentas como Internet das cousas, os xemelgos dixitais e a aprendizaxe automática.

Notas

A Real Filharmonía de Galicia presentou a súa tempada 2026/27, 'Memoria', unha proposta artística que convida a reflexionar sobre a relación entre a música e a memoria, sobre a forma na que as obras do pasado continúan vivas no presente e sobre como a creación contemporánea dialoga permanentemente coa tradición. Concibida arredor da idea da memoria, a nova programación reúne grandes obras do repertorio sinfónico e algunhas das voces máis destacadas da creación actual.
A sala Normal acolleu a presentación da publicación 'De Esmelle a Ítaca', unha reflexión de Emma Pedreira e María Besteiros sobre a pegada de Begoña Caamaño na escritura mítica feminista, editada polo Servizo de Publicacións da institución académica. O acto, protagonizado por unha das autoras, María Besteiros, foi aberto pola vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deportes da Universidade da Coruña, Cristina Naya.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES